DUVI

Diario da Universidade de Vigo

pontenciencia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 26/04/2024

Un total de 455 estudantes de primaria, secundaria e formación profesional presentarán os días 3 e 4 de maio na Escola de Enxeñaría Forestal os resultados finais das investigacións que desenvolveron ao longo deste curso, diante duns comités científicos integrados por investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo e do CSIC. Farano no evento final da décima primeira edición de Pontenciencia, un programa dirixido a iniciar ao alumnado no método científico e achegar á cidadanía unha visión dinámica e atractiva da ciencia, que o Concello de Pontevedra promove co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación e o apoio da UVigo e outra serie de entidades e empresas. Ao longo destas dúas xornadas, este centro do campus pontevedrés acollerá a presentación dun total de 29 investigacións, realizadas por estudantes e familias, así como 27 talleres e actividades, 17 deles impartidos por investigadores ou estudantes da UVigo. 

A décimo primeira edición desta Feira da Miniciencia foi presentada este venres no Concello, polo concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, e representantes dos centros educativos participantes e das empresas patrocinadoras. “Pontenciencia pretende que os estudantes afonden no coñecemento do método científico e na reflexión baseada en datos obxectivos, no feito de poder aprender a través da realidade, utilizando as ferramentas que a ciencia nos achega”, salientou Gómez. O concelleiro lembrou que esta feira permite coñecer “os resultados do traballo de todo un ano”, despois de que os diferentes centros acollesen unha serie de obradoiros de formación no método científico e da constitución dos comités científicos, encargados de achegar o alumnado unha serie de propostas de investigación. Fernández Souto, pola súa banda, sinalou que "o espírito investigador ten que formarse desde que somos pequenos e nese sentido Pontenciencia é un exemplo". De aí que incidise tamén no positivo de que diferentes grupos de investigación dean a coñecer as súas liñas de traballo nos obradoiros e a participación de profesorado de diferentes facultades e escolas nos xurados da feira. "Para nós é fundamental que Pontenciencia siga existindo e levando ese espírito creador, innovador e científico a toda a sociedade", subliñou. 

Dous días, 29 proxectos

A Feira de Miniciencia abrirase na mañá do venres 3 coa presentación das once investigacións que optarán aos premios da categoría Ciencia no Cole, levadas a cabo por 313 estudantes dos CEIP San Martiño, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, Froebel e Ponte Sampaio, dos CPR Sagrado Corazón de Pontevedra, Sagrado Corazón de Placeres e Calasancio e do CEE Pontevedra. Pola tarde, chegará o momento dos once proxectos desenvolvidos por 142 estudantes dos IES Luís Seoane, Gonzalo Torrente Ballester e Montecelo, dos CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza e do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán. 

Xa o sábado, xornada na que terá lugar a entrega de premios nas diferentes categorías, o xurado encargarase de avaliar outros sete proxectos, desenvolvidos na categoría de Ciencia en familia.

Dous días, 27 obradoiros

Ademais da defensa dos proxectos, a EE Forestal acollerá tamén ao longo destas dúas xornadas un total de 27 obradoiros e actividades, que permitirán a escolares e familias achegarse á ciencia desde múltiples perspectivas. Boa parte deles terán como responsables a investigadores ou estudantado da Universidade de Vigo. Nese senso, o venres terá lugar un taller sobre o uso de satélites na análise dos incendios, promovido pola EE Forestal, e outro sobre ADN e codificación das proteínas, da man da Facultade de Bioloxía. Tamén nesta xornada, a Escola de Enxeñería Industrial ofrecerá un taller sobre as diferentes áreas destes estudos, mentres que o Programa Universitario de Maiores (PUM) impartirá un obradoiro de orientación e supervivencia.

Na segunda edición na que esta feira conta coa participación do alumnado sénior do campus, o PUM promoverá o sábado outra serie de actividades, que permitirán pintar con luz, xogar o xadrez nun taboleiro xigante, iniciarse na química ou afondar nas emocións ligadas á linguas maternas e herdadas. Neste segundo día, outros obradoiros permitirá coñecer os equipos empregados polo grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas e achegarse á descontaminación das augas, nunha actividade promovida polo Departamento de Química. Así mesmo, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e investigadora do CITMaga Marta Pérez coordina dous obradoiros sobre as aplicacións das matemáticas nos mapas e no movemento, mentres que o alumnado da EE Industrial promoverá un achegamento aos distintos usos das gafas de realidade virtual. Tamén da man do alumnado desta escola, Pontenciencia permitirá coñecer o monopraza da escudaría UVigo Motorsport, así como o labor das asociacións estudantís Space Lab e CES UVigo.