DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirección e Xestión Pública promoveu un seminario no día previo ao seu 50 aniversario

A Revolución dos Caraveis supuxo un “estímulo importante” para a Transición española

Esta iniciativa insírese no programa de actividades que a facultade desenvolve esta semana 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 24/04/2024

Este xoves 25 de abril conmemórase o 50 aniversario do levantamento militar que rematou coa ditadura do Estado Novo en Portugal, o que motivou que unha das actividades inseridas na I Semana de Dirección e Xestión Pública tivese como eixe a Revolución dos Caraveis e, máis concretamente, a súa influencia na Transición española. “Foi un estímulo importante para a oposición e para os sectores máis aperturistas do franquismo” sostivo o investigador do Observatorio da Gobernanza G3 Fernando Martínez, coordinador dunha actividade inserida na programación que a facultade desenvolve desde este luns.

Aberta ao público e dirixida a achegar o alumnado ao acontecido tanto o 25 de abril de 1974 en Portugal como nos meses seguintes, esta actividade insírese nun programa de actos “que son o resultado da colaboración entre profesorado e alumnado”, como salientou o decano, Enrique Varela, na apertura deste seminario. De feito, esta iniciativa viuse precedida este martes pola xornada dedicada ao “patrón” da facultade neste 2024, San Martiño de Dumio, e ao seu papel no Reino Suevo, na que o alumnado presentou os resultados dos traballos que desenvolveu sobre esta temática.

Dous procesos “completamente diferentes”

Alén de afondar nas diferentes fases da revolución portuguesa tras o levantamento de abril, nas que “houbo intentos tanto por parte tanto da dereita como dos sectores máis esquerdistas por facerse co control, ata que se estabilizou o proceso”, Martínez Arribas centrou este seminario nas súas conexións coa Transición española. “Os procesos son completamente diferentes. En Portugal hai unha ruptura e o proceso está pilotado polos militares, cos partidos políticos nun papel secundario, e en España non se pode falar de ruptura como tal, senón dunha reforma, pilotada polos partidos e os sectores máis aperturistas do franquismo”, subliñou. Non obstante, o acontecido en Portugal si tivo unha incidencia na ditadura española, en primeiro termo porque fixo que “moitos sectores do franquismo” comezasen a ver, tras a caída do salazarismo, “que a transición á democracia vai ser inevitable”, sinalou Martínez. Ao mesmo tempo, lembrou o investigador, o levantamento en Portugal influíu tamén en que “certos sectores do exército español funden a UMD, a Unión Militar Democrática, inspirándose nos militares portugueses”, mais asumindo tamén “que o proceso de transición tiña que estar pilotado polos partidos políticos”.  

O seminario completouse así mesmo coa proxección dun vídeo sobre a Revolución dos Caraveis e cunha presentación do estudante da modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública José Manuel Fernández, centrada na figura do xeneral Humberto Delgado, unha figura previa á Revolución dos Caraveis, pero que foi “un dos primeiros opositores ao salazarismo”, lembrou Martínez. 

Unha semana de actividades

Este seminario insírese na I Semana de Dirección e Xestión Pública, que arrancou este luns coa constitución da comisión, integrada por profesorado e alumnado, que se encargará de deseñar os actos que terán lugar ao longo do vindeiro curso, coincidindo co 25 aniversario da creación da diplomatura que precedeu ao actual grao. Xa o martes, tivo lugar o acto que a facultade prevé dedicar cada curso a un persoeiro ou feito histórico do ámbito da xestión e administración pública, ao non contar cun “patrón” propio. Nesta ocasión, a figura escollida foi Martiño de Dumio, o que permitiu afondar tamén no que supuxo desde o punto de vista administrativo o Reino Suevo, a través dunha conferencia do catedrático de Historia no ensino secundario Anselmo López Carreira e da presentación dunha serie de paneis realizados polo alumnado de tres materias de primeiro curso, no marco dun proxecto de innovación docente. Xa este xoves, esta actividade pecharase coas OlimpíadasDXP, unha serie de actividades deportivas nas tomará parte profesorado e alumnado da facultade.