Tralo seu paso polos campus de Vigo e Pontevedra o Road Show chegou ao Politécnico para concienciar a uns 250 xoves do perigo e as consecuencias dos accidentes de tráfico. A iniciativa, que se está a desenvolver por toda España, é un programa de educación vial baseado nunha representación teatral multimedia na que se simula unha noite de marcha. Un mozo de aniversario con ganas de troula introduce a historia e pouco a pouco van desfilando polo escenario un pinchadiscos, un policía, dous médicos, un bombeiro, un familiar da víctima e o propio accidentado. Aínda que algúns deles son actores que van de xira co show, a maioría son testemuñas reais e todos contan en primeira persoa a súa experiencia e o drama que supón un accidente. Á vez, intercálanse dramáticas imaxes que conmoven ao público e que neste caso conseguiron arrincarlle as bágoas.
28/11/2007