DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento semipresencial celebrarase entre o 2 e o 5 de novembro 

A seguridade do universo dixital no teletraballo centrará a segunda edición do foro CyberSec@GAL

Organizado pola Cátedra R en ciberseguridade 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 20/10/2020

A normativa, as solucións, os retos e ameazas no campo da seguridade do universo dixital no teletraballo centrarán a segunda edición de CyberSec@GAL, o evento referente da ciberseguridade en Galicia, que se celebrará entre os días 2 ao 5 de novembro. O encontro, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade, é froito da colaboración entre as universidades de Vigo e A Coruña, a empresa R e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e conta coa colaboración de atlanTTic, Citic, Isms Forum, Coit, Amtega e Gradiant. 

Durante as dúas primeiras xornadas do evento, que se celebrará de xeito semipresencial haberá talleres destinados a estudantes do SUG (Sistema Universitario de Galicia) e Formación Profesional, co obxectivo de captar talento no ámbito da ciberseguridade. Na terceira xornada desenvolverase unha charla técnica para profesionais e o lanzamento dun ciber-reto en liña, que outorgará un premio valorado en 500 €. A derradeira xornada, Riscos no teletraballo, será semipresencial e está dirixida ao ecosistema empresarial galego, contando coa participación de expertos internacionais e cunha mesa redonda específica nesta temática. 

Para pechar o evento presentaranse os premios de CyberSec@GAL aos mellores traballos académicos de grao, mestrado e doutoramento na área da ciberseguridade e no ámbito do SUG. CyberSec@Gal recoñecerá a excelencia académica do estudantado das universidades galegas cun premio á mellor tese de doutoramento, valorado en 700 €; dous premios para traballos de fin de mestrado na UVigo e UDC, valorados en 400 € cada un; e dous premios a traballos fin de grao na UVigo e na UDC, valorados en 300 € cada un deles.