DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Campus Crea promove unha serie de actividades centradas nas liñas do proxecto de especialización

Unha semana na que proxectar a creatividade como “un dos motores” do campus

A programación desenvólvese ata este venres 26

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 22/04/2024

Promovida polo Campus Crea, co apoio da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, este luns botou a andar a Semana da Creatividade 2024, un conxunto de actividades centradas nas diferentes liñas do Campus Crea e “que reflicten a realidade do proxecto de especialización, un dos motores que dan visibilidade ao campus de Pontevedra”. Deste xeito presentaba a vicerreitora Eva María Lantarón o programa de conferencias, seminarios e talleres, que entre este luns e venres se desenvolverán en diferentes facultades. “Temos actividades tan dispares como conferencias que abordan desde o impacto da intelixencia artificial nos labores creativos, aos procesos de invención de linguas, pasando polo deseño de carteis para o mundo audiovisual ou mesmo as conexións entre arqueoloxía e videoxogos e o mundo da moda e o deporte”, salientou Lantarón no acto inaugural desta Semana da Creatividade.

Dirixida, como lembrou Lantarón, a “dar visibilidade ao proxecto de especialización”, que afonda nas conexións da creatividade coa comunicación, o deseño, a creación artística ou a educación, na inauguración desta Semana da Creatividade participou tamén o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, quen lembrou que a institución provincial destina 55.000 euros ao impulso do proxecto de especialización do campus e destacou que esta programación traerá a Pontevedra “persoas expertas en temáticas moi variadas e interesantes”. Coa presenza tamén do concelleiro Alberto Oubiña, o acto completouse coa intervención da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, quen lembrou que "todas son actividades abertas á sociedade”.

Presentación dos IV Premios Crea

Este acto serviu tamén para presentar os IV Premios CREA–Creatividade e Innovación, dirixidos a recoñecer “accións destacadas no ámbito da creatividade e a innovación que impliquen a membros da comunidade universitaria de diferentes eidos de coñecemento e que axuden a consolidar o campus de Pontevedra como un referente en temáticas relacionadas coa creatividade e a innovación”, segundo recolle a súa convocatoria

Promovido co apoio da Deputación, trátase dun certame aberto a “investigacións, publicacións, obras creativas e proxectos innovadores dos ámbitos de coñecemento do campus”. Dirixido a reunir propostas “de cáracter multidisciplinar”, como apuntou Lantarón, o certame conta nesta edición con dúas modalidades; unha para proxectos do persoal docente e investigador e outra dirixida a alumnado de grao, mestrado e doutoramento. No primeiro caso, outorgarase un premio económico de 1500 euros e, no segundo, un de 750. O prazo de presentación de traballos permanecerá aberto ata o 31 de xullo e, como recolle convocatoria, no caso de creacións con máis dun autor ou autora, cando menos un deles debe estar vinculado co campus pontevedrés, abríndose a posibilidade de presentar proxectos resultado “da colaboración con outras institucións ou empresas”, como lembrou a vicerreitora. 

Deseño abre a programación

Deseñado polo Comité de Dirección do Campus Crea, o programa desta Semana da Creatividade abriuse este luns na Facultade de Deseño, coas conferencias e obradoiros que Álvaro Valiño e Catarina Sampaio centran, respectivamente, na infografía e no deseño de carteis para producións audiovisuais. Tamén desde deste luns pode verse na sala O Abrigo de Belas Artes, a exposición Arqueoloxía dixital galega. Voute preservar, miñoca!, que afonda, a través dunha serie de paneis, nas conexións da arqueoloxía contemporánea cos mundos virtuais. Comisariada polo investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía,  Antigüidade e Territorio (GEEAT) Óscar Penín, a mostra conta con visitas guiadas para grupos, previa reserva no correo electrónico oscar.penin@uvigo.gal

Mañá martes, a actividade continúa na Casa das Campás coa xornada Dialogos entre IA e creatividade, na que participarán Eren Saracevic, profesor da Barcelona School of Arts & Desing, o deseñador gráfico Luis Demano e o profesor de Dereito Mercantil na UVigo Pablo Fernández Carballo-Calero. Ao día seguinte, Ciencias da Educación e do Deporte acollerá unha mesa sobre a interrelación entre moda e deporte, con representantes de empresas como Zara Athleticz ou BH Fitness, mentres que en Belas Artes terán lugar dous coloquios e obradoiros centrados na invención de linguas e nas técnicas do graffiti. Ao día seguinte, Comunicación acollerá a conferencia Fame de Ideas!, organizada coa colaboración do Club de Creativos e que contará coa presenza dos gañadores dos tres premios da categoría Jóvenes Creativos dos Premios Nacionais de Creatividade CdeC. Finalmente, o venres pecharase esta semana coa entrega de diplomas do Concurso de vídeos en TikTok promovido polo Campus Crea e cun obradoiro sobre mentalidade empresarial, inserido nas actividades do proxecto HEI4Future.

Xornadas Pensamento e Creación

Tamén no marco desta programación, a Casa das Campás acollerá o xoves unha nova sesión do ciclo de cine Expediente alquimia (II), mentres que mércores e venres terán lugar as xornadas Pensamento e Creación, organizadas xunto á Aula Castelao de Filosofía. Coa memoria e tradición como eixes, a primeira xornada contará coa participación do filólogo, profesor e poeta Calros Solla e do cantautor Tino Baz, quen afondará no emprego da palabra no eido musical. Xa o venres, o ciclo complétase unha conferencia da artista e profesora de Belas Artes Andrea Costas e co espectáculo Arteria temporal, do dúo de poesía escénica Cintaadhesiva, integrado pola poeta e actriz Silvia Penas e o deseñador gráfico, músico e videocreador Jesús Andrés Tejada.