Autobuses da institución recollerán persoal e alumnado todos os días en Travesas e Praza de España
A Universidade pon en marcha un plan de medidas para mitigar a incidencia da folga dos traballadores de Vitrasa na comunidade universitaria
A institución está a traballar nunha aplicación para compartir coche
A folga dos traballadores da empresa Vitrasa está a provocar importantes problemas para que a comunidade universitaria se desprace dende a cidade de Vigo ao campus. Para facen fronte a esta falta de transporte, que afecta principalmente ao alumando, o reitor anunciou este xoves que o equipo de goberno acaba de aprobar unha serie de medidas para paliar os inconvenientes e asegurar que o estudantado chegue a tempo aos seus centros.
Nunha carta aberta á comunidade universitaria, o reitor, Manuel Reigosa, explica que “sendo absolutamente respectuosos cos traballadores en folga, que exercen un dereito fundamental recollido na Constitución Española e tendo poucas ferramentas para participar na solución do problema, este equipo reitoral acordou poñer en marcha algunhas iniciativas temporais que permitan axudar a diminuír os problemas para as persoas que teñen que subir ao campus”. Estas propostas, de carácter temporal, entrarán en vigor o día 14, despois dos días non lectivos do Entroido, e rematarán unha vez conclúa folga.
A principal medida acordada é a posta a disposición de dous autobuses propios da institución que recollerán de balde estudantes nas paradas de Travesas e Praza de España ás 8.30, 9.30 e 10.30 horas, con horario de baixada a partires das 16.30 horas. Isto implica que deixa de prestarse o Servizo circular do campus durante todo ese período.
Por outra banda, tamén se convida á comunidade universitaria a empregar o coche compartido, tanto de xeito particular como a través de aplicacións. Para isto, o reitor avanza que a institución está a traballar “para que nos próximos días se poida utilizar unha aplicación que permite pór en contacto a membros da nosa comunidade que oferten e contraten viaxes compartidos”. Ademais, o reitor tamén dá conta na súa carta de que a Universidade levará a cabo unha negociación coa concesionaria do transporte municipal para incrementar o número de autobuses que suben e baixan do campus en hora punta e avanza que manterá “informada á comunidade universitaria se hai algún cambio”.