DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o QS World University Rankings by Subject 2024

A Universidade de Vigo, entre as mellores do mundo en cinco materias

Destaca no eido da Enxeñaría do petróleo, no rango 101-150, e no de Agricultura, no 201-250

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
  • Institucional
M. Del Río DUVI 10/04/2024

A edición 2024 do QS World University Rankings by Subjetc sitúa a Universidade de Vigo entre as mellores do mundo en cinco eidos: Enxeñaría do petróleo, Agricultura e forestal, Enxeñaría eléctrica e electrónica, Ciencias biolóxicas e Química. Como xa avanzara o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Goberno da pasada semana, dende 2021, ano no que a Universidade de Vigo comezou a ser valorada por este ranking, pasouse de estar entre as mellores do mundo en dous eidos a aparecer no 2023 en tres e nesta nova edición en cinco, o que segundo Reigosa “é unha mellora importante”, sobre todo coa vista posta na captación internacional de alumnado.

A clasificación, publicada este mércores por QS Quacquarelli Symonds, proporciona unha análise comparativa independente sobre máis de 16.400 programas universitarios, cursados por estudantes de más de 1500 universidades en 96 países do mundo, incluíndo 55 disciplinas académicas e cinco amplas áreas de coñecemento. O equipo de goberno, a través da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, amósase moi “satisfeito”, porque ademais de mellorar na clasificación global “temos unha mellora moi notable pasando de 2 a 5 materias nas que aparecemos nesta listaxe”, e isto é un “salto cuantitativo que ten varias vantaxes”. Por unha banda, recalca que ten “un peso directo no plan de financiamento, en particular no módulo 2” e, por outra, “supón unha mellor carta de presentación da UVigo, tanto para o novo estudantado que está agora a pensar en que universidade facer os seus estudos, como para o persoal investigador que decide vir a facer a súa carreira investigadora”.  

Entre as mellores 150 do mundo en Enxeñaría do petróleo

A Universidade de Vigo destaca principalmente nesta clasificación no eido da Enxeñaría do petróleo, un campo no que aparece por primeira vez no QS World University Rankings by Subject 2024, e faino nunha posición destacada da táboa, entre as 101 e 150 mellores do mundo. Como explica a vicerreitora, esta é unha parte da enxeñaría que abrangue moitos temas, dende tratamento de hidrocarburos ata o estudo dos produtos finais e os seus derivados, como lubricantes, refrixerantes, etc., así como tamén aspectos que van dende a xeoloxía á xeofísica do subsolo. “Temos, por unha banda, os grupos da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, xunto grupos de Cintecx, que poden tratar de maneira directa ou indirecta algún deses aspectos”. 

No que se refire á agricultura e ás ciencias forestais, a Universidade de Vigo tamén acada un lugar destacado, entre as 201 e 250 mellores do mundo, e tamén o fai clasificándose por primeira vez. Rubio lembra que no Ranking de Shanghai a UVigo xa acadara bos resultados neste eido, “que vén a confirmar o excelente traballo que está a desenvolver o Instituto de Agroecoloxía e Aalimentación (IAA), con sede no campus de Ourense”.

As outras tres materias nas que a UVigo se sitúa no Top500 do mundo son Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, no rango entre 401 e 450, e Ciencias biolóxicas e Química, ambas na franxa 501-550, mellorando a posición de 2023, cando se situaban no 551-600. A este respecto, a vicerreitora destaca que, xunto co ámbito da Enxeñaría do petróleo, os resultados acadados en Enxeñaría eléctrica, poñen en valor o traballo do Cintecx, que “se presenta como un centro relevante, que esperamos pronto acade tamén a catalogación de centro CIGUS na convocatoria de centros da Xunta de Galicia do 2023, que está a piques de ser resolta”. No que se refire a Bioloxía, “encaixa tanto en liñas do CINBIO (xunto coa Química) como no do CIM, e polo tanto segue a reflexar o papel dos nosos centros de excelencia considerados como centros Cigus pola Xunta de Galicia”. 

En resumo, a Universidade de Vigo clasifícase por primeira vez entre as mellore en dúas materias, sube na táboa noutras dúas e só baixa nunha, sendo os mellores resultados acadados pola institución dende que participa neste ranking, xa que é a primeira vez que consegue posicionarse entre as mellores 200 do mundo cunha materia e entre as mellores 300 con outra. Para a vicerreitora, os datos amosan que “a UVigo reborda saúde e amosa un crecemento exponencial no eido da investigación en moitos dos ámbitos dos que xa era forte, e unha parte de este crecemento está claramente relacionada coa política de fortalecemento de centros e institutos, derivada das convocatorias da Xunta de Galicia as que nos soubemos adaptar e encaixar estupendamente”. 

Outras materias destacadas

En total, o QS World University Rankings by Subject 2024 valorou á Universidade de Vigo en 31 materias e, ademais destas cinco nas que acada unha posición destacada, hai algunhas outras nas que se conseguen moi boas puntuacións, incluso mellores que aquelas que entraron no ranking. É o caso, por exemplo, de Earth and Marine Sciences e Environmental Sciences, “froito do bo facer do CIM”, pero ao tratarse dunha área máis estendida, as boas puntuacións non foron suficientes para quedar entre as mellores, xa que “hai que ter en consideración que  son mais de 3000 institucións e a competencia é moi grande”. Tamén se acadou moi boa posición global en Computer Science & Information Sytems, froito do bo traballo de atlanTTic, así como en Linguistics and modern languages, Education e Communication & Media Studies. A vicerreitora tamén salienta outras materias do ámbito da Economía, como Accounting & Finance, Bussiness & Management Studies ou Economics & Econometrics, “o que dirixe a mirada cara o centro interuniversitario Ecobas, tamén pendente de resolución na convocatoria de centros, coa mesma esperanza que no caso do Cintecx”. 

Como se fan as clasificacións?

QS emprega cinco métricas clave para elaborar as clasificacións das universidades por material. Por unha banda, os indicadores de reputación baséanse nas respostas de máis de 240.000 empregadores e académicos ás enquisas QS, mentres que Citations per Paper e H-Index miden o impacto da investigación e a produtividade. Finalmente, a Rede Internacional de Investigación (IRN) emprégase para avaliar a colaboración en investigación transfronteiriza. En total, para elaborar a edición 2024, o equipo de QS Quacquarelli Symonds analizou a reputación e os resultados de investigación de preto de 5000 institucións. De entre todas elas, entraron no ranking 1559 en 55 temas específicos e 5 áreas temáticas amplas, creando máis de 19.100 entradas.

No que atinxe aos resultados a nivel estatal, España ten nesta clasificación 462 programas de 37 universidades. Deles, 74 suben de clasificación, 132 baixan, 199 permanece inalterables, ademais de 57 que se clasifican por primeira vez. Con estas cifras, España sitúase como o décimo país con máis presenza no ranking, que está liderado polos Estados Unidos, con 213 materias das súas universidades entre as mellores do mundo, seguido por Reino Unido con 103 e China con 101.