DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Saúde

A UVigo lanza unha serie de podcast para promover a prevención das enfermidades cardiovasculares

As actividades, organizadas ao abeiro do plan 'Ciencia de ida e volta' da UCC+i, inclúen tamén charl

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Cultura
DUVI 08/04/2024

O 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde, unha data sinalada pola Organización Mundial da Saúde para concienciar á poboación sobre a importancia de coidarse física e mentalmente para lograr levar unha vida saudable. Ao abeiro deste efeméride, desde a  Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo acaba de lanzarse unha serie de podcast cos que promover a prevención das enfermidades cardiovasculares, resaltar a importancia da saúde cardiovascular feminina e impulsar a adopción de hábitos saudables entre a poboación galega.

O primeiro podcast publicouse este luns e en vindeiros días iranse publicando diferentes episodios nos que se abordarán múltiples temáticas relacionadas coa saúde cardiovascular, un dos grandes desafíos aos que se enfronta a sanidade galega, con estatísticas que amosan, tal e como se explica neste primeiro podcast, taxas de mortalidade máis altas en mulleres ca en homes. As diferentes pezas estarán protagonizados por especialistas de distintas áreas relacionadas coa diagnose, seguimento de patoloxías cardiovasculares, así como a prevención e a promoción de hábitos saudables entre a poboación galega, onde a prevalencia e mortalidade deste tipo de enfermidades é moi alta.

IA e saúde cardiovascular protagonizan o primeiro podcast da serie

A primeira peza, xa dispoñible na canle de YouTube da UCC+i, céntrase na aplicación da Intelixencia Artificial na análise de datos cardíacos e está protagonizada por Xosé Antón Vila Sobrino, docente na Escola Superior de Enxeñaría Informática e investigador no Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada (LIA2) da UVigo.

Tras este primeiro episodio virán outros nos que se contará coa participarán, entre outros, dos investigadores Juan José Crespo Sabarís, doutor pola Universidade de Vigo e médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria no Centro de Saúde de Bembrive; Artemio Mojón Ojea, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e  investigador de atlanTTic,de Diana Valverde, investigadora principal no Laboratorio de Enfermidades Raras do CINBIO; Federico Mallo Ferrer, director do equipo do Laboratorio de Endocrinoloxía, LabEndo; Javier Prieto Troncoso, investigador en Endocrinoloxía e Fisioloxía do Exercicio e o fisioterapeuta Hugo Ogando Berea, alumno de doutoramento da UVigo, entre outros.

Charlas en colexios e institutos

Ademais dos podcast levaranse tamén a cabo charlas en centros educativos de primaria e secundaria co obxectivo de concienciar á mocidade sobre a importancia de coidar a saúde cardiovascular desde unha idade temperá. Estas charlas contarán coa participación de investigadores e investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo que  responderán preguntas para promover estilos de vida saudables entre o alumnado, facendo especial fincapé nos principais factores de risco: hipertensión arterial, tabaquismo, diabetes, colesterol alto, sobrepeso, obesidade, estrés e sedentarismo. 

Para a realización destas actividades, inseridas no Plan Anual de Actividades Ciencia de Ida e Volta, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.