Biospain2023 celebrarase ata o 28 de setembro en Barcelona
A UVigo repite presenza no principal evento do eido da biotecnoloxía de España
Como parte dunha delegación formada polas universidades galegas, a Xunta, as axencias galegas de Innovación e de Coñecemento en Saúde, Xesgalicia, Bioga o Clúster Saúde de Galicia e varias empresas do sector bio, a UVigo participa en Barcelona en Biospain2023, o principal evento no eido da biotecnoloxía que se celebra en España e un dos principais de Europa. Máis de 800 empresas, procedentes de máis de 30 países, participan no evento, no que a delegación galega, GaliciaBio – The best way in biotechnology, dispón dun posto físico no que se expoñen as capacidades do sector na comunidade. En BioSpain2023 a UVigo, representada por Elena Gil e Jose Jato (Oficina de I+D) e Pilar Montes (CINBIO), presenta a súa oferta de I+D en biotecnoloxía e os resultados obtidos, na procura de posibles licenciatarios que exploten as tecnoloxías e coñecementos.
A UVigo tamén amosou as súas capacidades en investigación e innovación no Galicia Bio Event, celebrado o pasado luns no Centro Galego de Barcelona, un evento de networking que ten como obxectivo promover a colaboración empresarial e visibilizar o ecosistema de innovación biotech galego.