DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co lema ‘Camiños da paz en tempos de guerras’

O XXXV Encontro Galego-Portugués de Educadoras/es pola Paz celebrarase do 26 ao 28 de abril no Carballiño

Nel tamén se celebrará o seminario anual do alumnado de doutoramento de Educación e Traballo Social

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 22/04/2024

Os días 26, 27, 28 de abril O Carballiño (Ourense) acollerá a celebración do XXXV Encontro Galego-Portugués de Educadoras/es pola Paz. A cita volverá a reunir a un amplo colectivo da comunidade educativa dos dous países, tanto alumnado como profesorado, “preocupados por contribuír, educando, á transformación deste mundo nun lugar máis pacífico e xusto para vivir”.

Nesta edición, o encontro ten por lema Camiños da paz en tempos de guerras e celebrarase na Residencia de Tempo Libre do Carballiño. Como en anos anteriores a organización corre a cargo da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, de Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega e de Agappaz, contando, entre outros apoios, co da Vicerreitoría do Campus de Ourense e o do concello anfitrión. “O máis importante deste encontro é que supón un espazo de convivencia entre profesorado que ten experiencias de boas prácticas innovadoras neste ámbito da educación para a paz e alumnado tanto de Galicia como de Portugal”, subliña Xosé Manuel Cid, decano da citada facultade, pondo en valor a traxectoria de 35 anos desta actividade.

As e os asistentes compartirán tres días de aprendizaxe e convivencia que terán como obxectivo afondar nas relacións educativas e culturais de Galicia e Portugal e fundamentar a educación para a paz mediante o recurso a debates e intercambio de ideas con persoas expertas. Ademais, a programación permitiralles coñecer intervencións educativas baseadas na procura da paz, en centros e asociacións da Eurorrexión, e participar dun encontro de debate horizontal entre docentes e educadoras e educadores, favorecendo as actividades lúdicas e dinámicas. “Xuntarémonos unha vez máis para explorar os horizontes de posibilidade á hora de fomentar a non violencia como cultura aprendida e para normalizar a empatía, o diálogo, o apoio mutuo, os dereitos humanos, a comprensión das causas de raíz dos conflitos no mundo, o desarme e o respecto interpersoal, intergrupal, entre culturas e entre nacións”, sinalan desde a organización do encontro. A presenza cada vez maior de guerras e sufrimento no mundo, recalcan, é testemuño do feito de que a “realidade precisa dunha mudanza profunda, mais o comezo de tamaña transformación atópase nos pequenos xestos cotiáns, nas actitudes, nas decisións e nas accións que tomemos cada día”.

Encontro e seminario de doutoramento

A apertura do evento estará coordinada polo propio Xosé Manuel Cid, integrante tamén de Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega. Seguiralle despois un intenso programa de mesas redondas, exposición de experiencias e realización de obradoiros arredor da temática do encontro, entre outras actividades. Previamente ao inicio desta programación, terá lugar, no salón de plenos do Concello do Carballiño, a celebración da primeira sesión do encontro anual do programa de doutoramento da Facultade de Educación e Traballo Social do campus, que levará por título Seminario de Intercambio de Experiencias de Investigación. Nel, unha vintena dos arredor de 90 estudantes deste Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento, coordinado por Xosé Manuel Cid, exporá os avances que fixeron na elaboración das súas teses. O seminario terá continuidade nunha segunda sesión o día 10 de maio no propio campus de Ourense.