A barreira estaba ben alta, pero UVigoTV conseguíu rachala case sen darse conta. Durante o pasado curso académico, a canle de televisión da Universidade de Vigo superou os 1,1 millóns de vídeos vistos, o que dá unha idea da boa acollida que ten entre o alumnado o feito de ter grabadas clases, relatorios e outros eventos e telos a súa disposición. “Agora a discusión está en se é interesante ou non a nivel docente, porque non se sabe se mellora a aprendizaxe, pero a realidade é que o estudantado demándao”, asegura Vicente Goyanes, coordinador de Servizos Multimedia da Universidade. Ilústrao cun exemplo: nun campus noruego foron os propios mozos e mozas os que puxeron en marcha o sistema gravando as clases cos seus portátiles e coa cámara web enfocando ao profesor.
02/11/2010