DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor gaba o esforzo dos deportistas de elite que estudan na Universidade

Cinco exemplos de mérito e capacidade

Gómez Noya, Gustavo Nieves, Serafín Martínez, Estefanía Domínguez e Fernando Rascado, homenaxeados

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 25/11/2010

Gañan campionatos mundiais. Baten récords. Lideran etapas. Son deportistas de elite e tamén estudantes universitarios. Os triatletas Javier Gómez Noya e Estefanía Domínguez; o ciclista Serafín Martínez; o atleta Gustavo Nieves; e o taekwondista Fernando Rascado, son segundo o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato “un exemplo de mérito e capacidade en tempos da xeración ni-ni”. Esa dobre vida na que compatibilizan o deporte profesional con cadansúa carreira universitaria, foilles hoxe recoñecida pola institución na que estudan Ciencias da Actividade Física e do Deporte no caso de Javier e Estefanía; Enxeñaría de Minas no de Gustavo; Administración de Empresas no de Serafín e Publicidade e Relacións Públicas no de Fernando.

“A vida dun deportista é breve ”, asegura Serafín Martínez “e salvo no caso dos futbolistas non gañas os suficientes cartos como para permitirte o luxo de non volver traballar. Así que hai que estudar para ter un futuro profesional”. Unha reflexión compartida por Fernando Rascado que afirma ter claro que “non vou poder vivir do deporte sempre”, e tamén polo resto de deportistas que coinciden en sinalar o complicado que lles resulta compaxinar o deporte profesional cos estudos “aínda que sempre tes o apoio da Universidade intentando facilitarche as cousas”, segundo Javier Gómez Noya. No caso de Estefanía Domínguez foi precisamente este respaldo o que lle fixo deixar Estremadura por Vigo “porque aquí o apoio aos que compaxinamos estudos e deporte profesional é moito maior. Na miña terra non temos tantas oportunidades”, explica.

Un antídoto para fabricar o futuro

Salustiano Mato que recibiu de mans de Serafín Martínez un maillot da montaña do Xacobeo e lles fixo entrega dun bolígrafo da institución aos deportistas, xustificou este acto de recoñecemento“polo gran mérito que supón compatibilizar a vida académica e a actividade deportiva profesional”. Para Mato, Javier, Estefanía, Gustavo, Fernando e Serafín “son un antídoto fronte á decadencia e os vicios do estado do benestar e un antídoto para fabricar o futuro”. Un futuro, a lo menos inmediato, que teñen claro en todos os casos. Estefanía Domínguez, tralo 7º posto acadado no Campionato Mundial Universitario de Triatlón 2010, adestra duro para poder acudir ao Campionato do Mundo de Duatlón, así como a diferentes campionatos europeos que se celebrarán no verán e “algunha proba internacional coa Federación Española de Triatlón”.

Fernando Rascado, bronce no Campionato do Mundo Universitario, marcha este venres a Madrid para participar nun Open Internacional. Logo virán os campionatos galego e o de España de clubes, “pero sobre todo centrareime no Campionato de España e tamén no universitario onde loitarei polo ouro”.

Trala desaparición do Xacobeo co que foi líder da montaña durante varias etapas da Volta Ciclista a España, Serafín Martínez, sitúa o seu futuro profesional en EEUU ou Francia. “Estou negociando con varios equipos”, asegura o ciclista “pero case seguro terei que emigrar porque en España todos os equipos están pechados”.

Pola súa banda o flamante campión do mundo de triatlón 2010, Javier Gómez Noya, disfruta duns días de vacacións, aínda que xa volverá a adestrar a partir da vindeira semana. “O ano que vén é moi importante”, asegura, “hai que clasificarse para os Xogos Olímpicos de Londres e ademais teño un Campionato de Europa que se celebra en Pontevedra o que me fai especial ilusión para seguir gañando carreiras".