DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nomeado 'Amigo Distinguido' da Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Vigo

O ex reitor e profesor José Antonio Rodríguez recolle unha medalla "gañada en equipo"

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 25/11/2010

Un "profesor de química normal" que fixo as actuacións pertinentes, pero "recoñezo que non todas as que debería". Con estas verbas comezaba José Antonio Rodríguez Vázquez o seu discurso de agradecemento tras recibir de mans de José María Franco a medalla 'Amigos Distinguidos' que outorga a Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Vigo para homenaxear a persoas que axudaron a potenciar o desenvolvemento e a calidade tanto da comunidade universitaria como da propia asociación.

Nun acto emotivo no que sobraron palabras de agarimo para o homenaxeado, Rodríguez Vázquez, profesor e reitor da Universidade entre 1994 e 1998, non quixo esquecerse de dedicarlle un anaco da medalla a aquelas persoas "implicadas co progreso e que loitan por conseguir unha universidade moderna, aberta e comprometida coa contorna, capaces de contribuir cun mellor desenvolvemento económico e social da Universidade". Para o docente de Química, o orgullo "de pertencer á comunidade universitaria" ten que abanderarse sobre todo unha vez rematada a vida de estudante, xa que "a universidade é o verdadeiro motor das infraestructuras económicas de Galicia". A outra parte do galardón foi para os que o rodearon en todos estes anos, familia e compañeiros, porque "todo o que conseguín é froito do traballo en equipo".

Académico "integral e promotor dende os seus tempos de reitor", no seu haber figura unha extensa traxectoria con máis de 80 libros, 130 conferencias ou 25 proxectos de investigación que avalan o seu gran quefacer polo mundo universitario. A través do relatorio Don Antonio Casares y Rodrigo: paradigma histórico de los químicos gallegos, o presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro, aproveitou a oportunidade para facer "unha dualidade profesional entre ambos químicos, sempre moi activos".

Os fillos pródigos

A aposta polos egresados é fundamental segundo o reitor da Universidade, Salustiano Mato, "xa que a cooperación intelixente non depende de recursos físicos nin cuantitativos". O azar quixo que o antigo reitor e o actual coincidiran en distintos ámbitos e momentos ao longo dos 20 anos de historia da Universidade, dúas décadas nas que o campus deu pasos de xigante e conseguíu entrar no clube europeo "grazas ao traballo dos que me precederon porque a foto non debe de ser fixa e a valoración das persoas ten que ser dinámica, facerse a través da súa traxectoria".

Para aunar todas as forzas dos que nalgún momento estudaron no campus, a Asociación de Antigos Alumnos creouse en 1997 porque "a Universidade sen amigos faise peor", como asegurou o seu vicepresidente, José Luis Vázquez López. "A Universidade é a esperanza e para iso hai que fidelizar aos egresados e incorporalos ás tarefas locais, rexionais e nacionais porque son órganos de comunicación imprescindibles que asumen a interlocución para que a Universidade se manteña preto da sociedade", como salientou o presidente da asociación, José María Franco.