New Village Art, Health-Tech, eGobernance e EcoVillage. Estes son os nomes dos catro eixos arredor dos que se vertebrará o viveiro de empresas CREA S2i, que o Concello de Pontevedra, a Cámara de Comercio, o Consorcio Zona Franca e a Universidade proxectan construír na zona da Barca. Baixo estas catro denominacións, que definirán os espazos do inmoble, estrutúrase a “proxección das ideas conceptuais do Campus Crea nun edificio concreto”, como salientou o reitor, Salustiano Mato, que este martes adiantou que áreas de especialización definirán as seis plantas dun inmoble con capacidade para un máximo de 40 iniciativas empresariais. Concretamente, o viveiro dotarase dun espazo orientado á creación multimedia, outro para iniciativas vinculadas ao envellecemento e a saúde, dun observatorio multidisciplinar e dunha aula da natureza e da contorna.
23/09/2014