DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas eleccións celebradas este martes no Edificio de Ferro

Ourense sacou as urnas para renovar o seu Consello de Campus

Cinco docentes e cinco alumnos proclamados novos membros deste órgano colexiado

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 01/10/2014

Os profesores Enrique Barreiro, Silvana Gómez, Francisco Tugores, María Dolores Fernández e María Beatriz Vaquero e os estudantes Iván Fernández, Santiago Pato, Hadrián Fernández, Luis González e Antonio Fernández converteranse nos próximos días en membros do renovado Consello de Campus de Ourense. Así o decidiron este martes os 23 representantes do PDI e os 13 alumnos e alumnas chamados a votar nunhas eleccións que tiveron lugar no Edificio de Ferro e que definirán a composición deste órgano colexiado de representación e coordinación do campus, do que tamén forman parte o reitor, o vicerreitor e os decanos e directores das diferentes facultades e escolas.

Só os representantes no Claustro da Universidade do PDI e do alumnado estaban chamados a presentar candidaturas e a emitir o seu voto neste proceso electoral ao que concorreron sete representantes do profesorado e seis estudantes. Trece candidatos que non dependían unicamente do resultado das votacións para o seu nomeamento final como novos membros deste órgano, posto que o Consello de Campus debe de estar composto por, cando menos, un membro de cada ámbito científico que estivese representado nas candidaturas.

Proclamación provisional dos candidatos e candidatas

Así, tralas votacións do martes, a Secretaría Xeral publicou hoxe mércores a proclamación provisional de candidatos electos, que será definitiva o vindeiro martes 7 de outubro de non producirse alegacións. No caso do PDI, foron elixidos dous profesores da Escola de Enxeñaría Informática, Enrique Barreiro, con 16 votos, e Sivlana Gómez, con 13. Idéntico número de votos recibiu Francisco Tugores, da Facultade de Ciencais, mentres que María Dolores Fernández, profesora da Facultade de Dereito, recibiu o apoio de dez persoas. Xunto a estes catro profesores e profesoras, tamén foi proclamado membro do Consello de Campus María Beatriz Vaquero, da Facultade de Ciencias da Educación, única candidata do ámbito da Humanidades, que recibiu sete votos e se converteu na única representante do profesorado que repite presenza neste órgano colexiado.

No relativo aos representantes do alumnado, Eduardo Pato, da Facultade de Ciencias da Educación, foi elixido con cinco votos; Iván Fernández, da Facultade de Dereito, con catro; Hadrián Fernández, da Facultade de Historia, con dous; e Antonio Fernández, da Facultade de Ciencias, tamén con dous. Xunto a estes catro alumnos, foi proclamado membro do consello o estudante da Escola de Enxeñaría Informática Luis González, único candidato do ámbito tecnolóxico.

Xunto a estes dez novos membros, o reitor, o vicerreitor e os decanos e directores, formarán parte do Consello do Campus os dous representantes do persoal de administración e servizos que máis votos recibiron nas eleccións ao Claustro, e que no caso de Ourense son Luis Pérez e Filemón Rivas. Todos eles serán nomeados membros deste órgano colexiado por un período de catro anos, coa excepción dos estudantes, que foron elixidos para os próximos dous anos.