DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Clúster da Madeira de Galicia galardoa o edificio pola súa perfecta integración na contorna

A Escola Infantil do campus, exemplo de construción sostible

É a terceira distinción que recibe o edificio dende que fóra inaugurado a finais de 2012

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 23/09/2014

Pola utilización da madeira na obra, pola súa perfecta integración coa contorna e polas súas características sostibles, a Escola Infantil do campus de Ourense vén de ser elixida polo Clúster da Madeira de Galicia como exemplo de construción respectuosa co medio ambiente. Coincidindo co Día Mundial da Construción Sostible, o edificio acolleu un acto ao que asistiron numerosas autoridades e no que os propios arquitectos, Gonzalo Alonso e Elisabeth Abalo, explicaron as principais características dunha obra que xa fora finalista na sétima edición dos premios Endesa á promoción da construción sostible e galardoada como mellor edificio de uso educativo nos Premios Arquitectura Plus 2013.

Na celebración estiveron presentes o vicerreitor do campus, Virxilio Rodríguez; a concelleira de Infraestruturas do concello de Ourense, Áurea Soto; o decano del Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Alberto de Paula, e o xerente do Clúster da Madeira de Galicia, Ricardo González, que explicou que o Clúster da Madeira escolleu esta obra pola súa perfecta integración coa contorna na que se sitúa e a súa aposta decidida pola madeira, referíndose á Escola Infantil como “exemplo claro da sensibilidade e funcionalidade coa que se integran á perfección materiais naturais coa zona na que se atopan”.

A perfecta integración na contorna e o uso ao que está destinada converten a obra de Alonso e Abalo nun exemplo ideal de cómo debe tratarse e executarse a madeira nunha obra. Neste senso, desde o CMG lembraron que o uso da madeira na construción permite aforrar enerxía ao longo da vida útil dun edificio, xa que a súa estrutura celular proporciona un “illamento térmico excelente”.

Enerxía xeotérmica para o mantemento da calefacción

Cunha superficie de 327 metros cadrados, cun sistema de calefacción baseado exclusivamente na xeotermia, tan propia da cidade das Burgas e bautizada co nome de Concepción Saíz Otero, pedagoga compostelá que loitou contra a segregación por sexo nas escolas e contra a educación que relegaba ás mulleres a un segundo plano, o edificio formúlase nunha soa planta por razóns de uso e accesibilidade e dispón de todos os espazos e materiais necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, dende unha cociña ata unha sala de berces para durmir.

A entrada sitúase no encontro co punto máis alto do terreo, a xeito de ponte levadiza, pero fixa. Zaguán habilitado para deixar os carriños e cortaventos introducen ao visitante no edificio, que se organiza en cinco franxas funcionais paralelas. Unha sala de usos varios reparte xogo; cara ao norte, os espazos servidores, con acceso independente; despacho, vestiario de persoal, cociña e sala de instalacións. Un primeiro filtro con roupeiros e aseos, aulas, e balcón-zona de xogos cara ao sur, dominando o campus universitario.