DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sen valorar os resultados, o equipo de goberno comprométese a traballar inspirado por Manuel Ramos 

Manuel Reigosa revalida o cargo de reitor da UVigo cun 72% de votos a favor 

A candidatura de H2040 gañou en todos os sectores e nos tres campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 04/05/2022

Manuel Reigosa Roger volverá ser o reitor da Universidade de Vigo os vindeiros catro anos despois de acadar o 72% de votos ponderados a favor da súa candidatura á fronte de H2040. Nunha xornada electoral marcada polo falecemento do vicerreitor e integrante do seu equipo de goberno, Manuel Ramos Cabrer, emitíronse un total de 2234 votos válidos, dos cales 1607 foron a favor e 627 en contra da candidatura de Reigosa, que obtivo o apoio maioritario nos tres campus e en todos os sectores, cunha ampla diferencia principalmente entre o alumnado, colectivo no que acadou 612 votos a favor, 194 en contra e 25 en branco. No sector PDI-A foron 428 votos a favor, 146 en contra e 89 en branco. No sector PDI-B foron 326 a favor, 55 en contra e 22 en branco. No sector PAS obtivo 241 a favor, 232 en contra, 41 en branco e 6 nulos. As e os integrantes da candidatura de H2040 declinaron valorar os resultados obtidos e no seu lugar, deron lectura a un comunicado no que expresaron o seu pesar pola perda “dun amigo entrañable, un camarada” e comprometéronse a continuar traballando, “inspirados pola figura dun loitador, un gran home, un enorme compañeiro”.

Das 20.494 persoas que hoxe podían exercer o seu dereito a voto a favor ou en contra do único candidato que se presentaba a este proceso electoral, 2270 participaron no proceso, no que o PDI-A (74.31%) e o PAS (61.84%) foron os sectores cunha porcentaxe de participación máis elevada, mentres que no caso do PDI-B situouse nun 38.2% e o estudantado acadou o 4.75%. A participación baixou respecto das anteriores eleccións de 2018 en todos os sectores, cando a porcentaxe máis alta deuse tamén entre o PDI-A cun 86.16%, seguida polo PAS cun 77.79%, o sector PDI-B co 59.89% e o estudantado co 14.8%.

Unha vez feitas as ponderacións dos votos, o resultado deixa unha porcentaxe total de votos de 1616 a favor (72.34 %) e 618 en contra (27.66 %). Así, Reigosa obtivo 849 votos positivos ponderados entre o PDI-A e 289 en contra; 172 a favor entre o PDI-B e 29 en contra; 424 a favor e 134 en contra entre o alumnado e 170 a favor e 164 en contra no PAS.

Comprometidos a traballar inspirados pola figura dun gran loitador e enorme compañeiro

En nome do reitor e dos integrantes do futuro equipo de goberno, o vicerreitor en funcións de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, deu lectura a un comunicado en lembranza de Manuel Ramos, “o noso faro, a nosa guía”. As e os compañeiros de Ramos no anterior equipo de goberno expresaron o seu pesar pola perda “dun amigo entrañable, un compañeiro inmellorable, un camarada. Traballador infatigable e coñecedor da nosa casa, a universidade, soño un futuro mellor para a sociedade que debía comezar aquí, nas nosas aulas”. Míguez en nome dos integrantes da candidatura de H2040 recoñeceu o moito aprendido do seu compañeiro falecido, que tamén moldeou o traballo dos últimos catro anos, “e foi unha fonte de inspiración impresionante para o equipo e pensamos que tamén para a comunidade universitaria”.

Coa voz entrecortada pola emoción, o vicerreitor en funcións recoñeceu a escasa importancia, que pola situación que están a vivir, ten facer valoracións dos resultados acadados na cita electoral de hoxe. “Esperaremos a mañá a coñecelos e, de ser o caso, xa faremos unha valoración máis adiante. No día de onte valoramos retirarnos da carreira electoral, pero pensamos que o noso benquerido Manolo non nolo permitiría, despois de tanto como el investiu no desenvolvemento do programa e dos compromisos recollidos no programa de goberno”, recoñeceu Míguez.

Coa vista posta no futuro máis inmediato, os integrantes do que será o futuro equipo de goberno expresaron o seu compromiso de continuar traballando, “inspirados pola figura dun loitador, un gran home, un enorme compañeiro. A súa figura xigante acompañaranos durante o resto das nosas vidas e fará, de seguro, que moitas sementes rematen agromando e dando froitos que serán bos para as persoas e o conxunto da sociedade”, proseguía o comunicado, no que expresaron o seu desexo de estar a altura do inmenso legado do seu compañeiro falecido, así como o seu compromiso “con esta sociedade que ti albiscaches, máis xusta, máis fraterna e máis solidaria”. 

Manuel Ramos Cabrer será homenaxeado nun acto que se celebrará o vindeiro xoves, 12 de maio, ás 12.00 horas na praza Miralles. Ademais, este xoves foi declarado día de loito oficial, polo que as bandeiras da institución ondearán a media hasta. 

En Vigo, vitoria en todos os sectores agás no PAS

No campus de Vigo emitíronse 1452 votos, dos cales 1434 foron votos válidos (865 a favor, 464 en contra e 105 en branco). Neste campus, Reigosa gañou en todos os sectores, menos no PAS. No sector de PDI-A obtivo 274 votos a favor, 112 en contra, 59 en branco e 10 votos nulos. No que respecta ao PDI-B, o candidato obtivo 139 votos positivos, 38 negativos, 15 en branco e 4 nulos. Entre o estudantado, foron 269 votos a favor, 128 en contra, 8 en branco e 3 nulos. Finalmente, no que atinxe ao persoal de administración e servizos, foron 183 votos a favor, 186 en contra, 23 en branco e 1 nulo. 

Por centros, os resultados foron positivos en todos os centros do campus vigués, agás na mesa electoral instalada no edificio Exeria, no que unicamente votaba PAS, e onde recibiron 68 votos a favor, 113 en contra e 9 en branco, así como na Facultade de Ciencias do Mar, onde 31 foron a favor e 34 en contra, xunto con 8 que foron emitidos en branco.

Apoio maioritario nos cinco centros do campus pontevedrés

Con 518 votos válidos emitidos, a candidatura de H2040 acadou un apoio maioritario en todas as facultades e escolas do campus de Pontevedra, sumando no seu conxunto 415 votos a favor, 78 en contra e 25 en branco. Por sectores, Reigosa acadou o respaldo tanto do PDI-A, con 51 votos a favor por 16 en contra, como do PDI-B (70-7). Así mesmo, a súa candidatura obtivo tamén en Pontevedra o apoio maioritario do alumnado (272-25), mais non o do PAS, onde logrou 22 votos favorables por 30 en contra. H2040 logrou así mesmo o respaldo de todos os sectores nas cinco mesas electorais, coa excepción das dúas nas que votou o PAS e no caso do PDI-A da Facultade de Belas Artes, onde sumou tres votos favorables e seis en contra. A Facultade de Fisioterapia foi o centro do campus no que se rexistrou un maior número total de votos, 157 válidos, grazas á participación nas eleccións de máis do 50% do seu alumnado, a máis elevada no conxunto da Universidade.

En Ourense, tamén apoio maioritario

No campus de Ourense foron 466 os votos emitidos (459 válidos e sete nulos) pola comunidade universitaria nas urnas habilitadas nas súas sete facultades e escolas. A candidatura de H2040 sumou en total 327 votos a favor, 85 en contra e 47 en branco, acadando o apoio maioritario global de todos os centros e dos distintos colectivos. Deste xeito, Manuel Reigosa conseguiu no PDI doutor con vinculación permanente 103 votos a favor, 18 en contra e 18 en branco e no restante persoal docente e investigador 117 votos a favor, 10 en contra e 4 en branco. Polo que respecta ao alumnado, o candidato obtivo 71 votos a favor, 41 en contra e 10 en branco. Por último, o voto do persoal de administración e servizos foi 36 votos a favor, 16 en contra e 15 en branco. Nos diferentes colectivos de cada centro, a candidatura presentada acadou maioritariamente votos a favor, excepto no colectivo de estudantes tanto da Escola Superior de Enxeñaría Informática (con 5 votos a favor, 11 en contra e un en branco) como da Facultade de Educación e Traballo Social (con 12 votos a favor, 12 en contra e 8 en branco).