DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se reflicte no libro A pobreza en Galicia, obra de tres profesores da UVigo

Un 10% de fogares galegos non dispón no seu enxoval doméstico do mínimo indispensable para non ser considerado como pobre

Etiquetas
  • Vigo
Mªdel Carmen Echevarría DUVI 22/10/2007

O libro que se inicia cunha revisión do concepto de pobreza, continúa co desenvolvemento e proposta dun novo método de medida a aplicar no caso concreto de Galicia. Trátase dun indicador, o índice de pobreza material, no que o foco de atención céntrase no equipamento co que as familias contan nas súas vivendas, e non en medidores monetarios, biolóxicos ou subxectivos.
A construción dun novo indicador xustifícase segundo Patricio Sánchez por que “os que existían teñen problemas, e centrarse en cuestións materiais do fogar permite ser máis obxectivo, que se empregamos un indicador baseado en medidas monetarias como ingresos ou gastos”.
Unha vez desenvolto o índice de pobreza material,os autores aplicárono a análise da pobreza en Galicia, comprobando tanto a súa eficacia como as súas posibilidades.

A realidade en cifras

Frigorífico, televisión, iluminación, auga quente, coche, vídeo, prensa, microondas, parabólica, segunda vivenda, internet ou calefacción, son algunhas das 24 variables empregadas polos autores para reflectir a realidade dos fogares galegos en canto a súa dotación material de bens e servizos. Sobre estas 24 variables aplicouse unha técnica estatística coñecida como “análise discriminante” que amosou resultados moi satisfactorios ao clasificar correctamente case a totalidade dos casos empregados (o 99,6%). Froito desta aplicación, os bens máis salientables para o indicador, isto é, os que contaban cun maior poder discriminante foros os seguintes: coche, vídeo, cadea musical, ordenador e, finalmente, garaxe. Estas contrapóñense ás outras variables que ben por estar presente na maioría dos fogares ou ben pola súa carencia non resultaban tan determinantes para o obtención do índice proposto.
Tomando como base estas variables, a análise das catro provincias galegas revelou a existencia de diferentes porcentaxes de fogares pobres de xeito que mentres en A Coruña situábase no 9,5%, Ourense alcanzaba o 8,3%, Pontevedra un 9,5% e no caso de Lugo chega ao 17,8%, de xeito que o fenómeno da pobreza afecta, en termos proporcionais, a máis do dobre dos fogares lucenses que do resto de provincias.
O traballo dos profesores da Universidade de Vigo, lonxe de centrarse en exclusiva na situación global de Galicia, achégase á realidade de comarcas e concellos. A análise do índice de pobreza material a nivel comarcal reflicte que son, por este orde, as comarcas de A Coruña, Verín, Ourense, Morrazo e Vigo as que as que ocupan os postos máis altos, mentres que as de A Fonsagrada, A Ulloa, Chantada, Terra de Caldelas e Os Ancares, teñen os valores máis baixos. No caso dos concellos galegos son os de A Fonsagrada, Baleira, Muras, O Covelo e As Nogais, os que teñen un menor valor, mentres que O Grove, Burela, Viveiro, A Rúa e Pontedeume, os máis favorecidos.
Concluído que en Galicia, un de cada dez fogares non dispón entre o seu enxoval doméstico do mínimo que se considera indispensable para non ser considerado como pobre, os autores consideran que “por moi baixa se sexa a porcentaxe de fogares pobres, isto sempre se refire a fogares con dificultades,o cal é unha situación que non se debe tolerar”. Dado que no caso da provincia de Lugo a porcentaxe elévase ata case un 18%, Sánchez, Vaamonde e García, reclaman que sexa obxecto dunha atención prioritaria no deseño de políticas de loita contra a pobreza.

Libro a tres

Sobre a publicación do volume, Patricio Sánchez destaca a “alegría que supón poder sacar á luz un volume de estas características, xa que editorialmente, trátase dunha cuestión complicada”.
Sánchez destaca a perfecta sintonía de traballo mantida entre os tres autores para escribir este libro que considera “un primeiro paso, unha achega, para corrixir o grave problema da pobreza”.