DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Guillermo Berbel gaña o concurso de microrrelatos convocado pola Vicerreitoría do campus

100 carácteres cos que deporte e saúde conflúen no Pavillón Verde

Con esta iniciativa búscase promover a difusión de prácticas respectuosas co medio ambiente no depor

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 26/05/2014

“A natureza pediu saúde, a saúde exercicio físico, o planeta sustentabilidade. Naceu o Pavillón Verde”. Estes 100 carácteres veñen de converter a Guillermo Berbel no gañador do concurso de microrrelatos convocado pola vicerreitoría do campus no marco do seu proxecto Pavillón verde: deporte sostible no campus de Pontevedra. Co obxectivo de promover a participación cidadá na difusión de prácticas respectuosas co medio ambiente no ámbito deportivo, convocouse este certame aberto a toda a cidadanía e dotado cun primeiro premio de 600 euros, co que resultou agraciado este estudante do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

“Quixen transmitir que a conexión do respecto polo medio ambiente coa saúde”, salienta Berbel, que tratou de recoller no seu texto que do mesmo xeito que os seres humanos precisan de exercicio físico, “a natureza tamén pide saúde”. De aí que a idea da Vicerreitoría de premiar ao microrrelato que mellor reflectise “o que significa un Pavillón Verde”, resultase “moi interesante” para o alumno gañador. Non en van, “a participación pública é primordial para poñer en valor e difundir as prácticas de sostibilidade dentro do marco deportivo”, como se recolle nas bases deste certame aberto a textos escritos en galego dun máximo de 100 carácteres e no que o premio final vén de ser decidido por un xurado composto por representantes da Vicerreitoría do campus, do Servizo de Deportes, da Oficina de Medio Ambiente e da Área de Normalización Lingüística da Universidade.

Á primeira foi a vencida

Recoñece Berbel que “máis que o tema dos microrrelatos, o que realmente me chamou a atención deste concurso foi a idea dun pavillón no que se teña en conta o medio ambiente”. De feito, o texto co que vén de ser proclamado gañador é o primeiro que decide presentar a un certame deste tipo, algo que viu motivado polo feito de que “o deporte e o medio ambiente son dous temas que me interesan desde sempre”. Por iso, unha vez tivo coñecemento desta convocatoria, Berbel dedicouse a afondar un pouco máis no mundo dos microrrelatos. A mensaxe que quería transmitir tíñaa clara desde o primeiro momento, “pero como son tan curtos, nas primeiras ideas que tiven pasábame de palabras, así que estiven un tempo dándolle voltas para que quedase o mellor posible e ao final foron 100 carácteres exactos”, salienta. Visto o éxito do seu primeiro intento, Berbel deixa a porta aberta a concorrer a máis iniciativas deste tipo. “Se o tema é interesante, desde logo que me volverei presentar”, recoñece este estudante, que amosa a dobre ledicia que lle supuxo este premio, polo recoñecemento á súa idea e polo feito de que esta traia consigo 600 euros, “que sempre veñen ben”.

Un proxecto que busca a sostibilidade

Este concurso de micorrelatos insírese dentro do programa Pavillón Verde: Deporte Sostible no campus de Pontevedra, unha iniciativa enmarcada dentro do proxecto Green Campus que busca promover a conciencia medioambiental no ámbito deportivo a través da integración de criterios de sostibilidade nas instalacións deportistas universitarias. Por ese motivo, nesta iniciativa incluíanse accións como a plantación de árbores levada a cabo no campus para compensar a pegada de carbono do pavillón, o estudo da accesibilidade destas instalacións ou a elaboración dun protocolo de sostibilidade para eventos deportivos.