DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova convocatoria oferta 24 cursos, entre eles, Mulleres e saúde, a principal novidade

10.000 persoas matriculadas en 10 edicións do Itinerario Formativo Virtual en Xénero

O seminario introdutorio e os do ámbito afectivo-sexual son os máis solicitados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Igualdade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/02/2024

Botaron a andar na primavera de 2020, en pleno confinamento, e, dende entón, van xa dez edicións e preto de 10.000 persoas matriculadas. Falamos do Itinerario Formativo Virtual en Xénero, unha iniciativa coa que se busca introducir a perspectiva igualitaria na formación da comunidade universitaria e pola que, nestes catro anos, pasaron 9821 persoas, maioritariamente estudantes, pero tamén docentes, persoal de administración e servizos e público en xeral. A Unidade de Igualdade acaba de lanzar unha nova ediciónm un catálogo de 24 cursos -fronte á media ducia daquela primeira edición-, con Mulleres e saúde, impartido polas catedráticas Diana Valverde e Paloma Morán, como principal novidade.

“Facendo un balance ao longo destes anos, o Itinerario Formativo Virtual en Xénero consolídase como unha fonte clave de coñecemento e formación en cuestións de xénero para a comunidade universitaria”, explica Águeda Gómez, responsable da Unidade de Igualdade, quen salienta que este tipo de iniciativas non serían posibles sen o apoio financeiro da Secretaría Xeral de Igualdade e o financiamento do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

O curso sobre Pornografía vai xa pola 7ª edición

Segundo os datos facilitados pola Unidade de Igualdade, a maioría das persoas inscritas son mulleres (84,5%), o 15% son homes e o 0,5% outros. O colectivo que máis acostuma participar é o estudantado (80%), seguido a moita distancia do PDI (12%) e o PAS (8%). “Houbo varias edicións nas que o Itinerario se abriu a persoas de fóra da Universidade e este grupo tamén foi considerable, chegando ao 33% do total”, explica Gómez.

O itinerario divídese en cinco temáticas: introdución á formación en xénero; educación sexo-afectiva; ciencia, tecnoloxía e xénero; políticas de igualdade e novas reflexións sobre o sexo/xénero. En cada edición vaise mudando o catálogo, combinando títulos que se ofrecen en cada edición con novas propostas. O curso introdutorio e os cursos do ámbito afectivo-sexual son os máis solicitados, incluíndo propostas como pornografía, que vai pola sétima edición, como un dos máis demandados, “algo que parece estar relacionado coa preocupación social actual sobre o acceso a contidos pornográficos ‘mainstream’ por parte de menores e como está a afectar a súa educación sexoafectiva, así como as novas propostas normativas para regular o acceso a estes contidos por parte dos cativos e cativas”, explica Gómez.

Mulleres e saúde

Nesta X edición a novidade é Mulleres e saúde, unha proposta que chega desde o CINBIO e na que se tratarán cuestións como as diferencias biolóxicas entre homes e mulleres, o androcentrismo na medicina e a incidencia e sintomatoloxía de diferentes enfermidades en relación co sexo e o xénero. Con 15 horas de duración, o obxectivo é que as persoas asistentes poidan comprender o sexo desde unha perspectiva biolóxica e evolutiva, destacando as diferenzas biolóxicas en termos de xenética e hormonas entre homes e mulleres. Entre outros aspectos, buscarase que o alumnado do curso se familiarice con algunhas enfermidades con incidencia e síntomas diferentes entre os sexos e os xéneros, subliñando a importancia de considerar estas diferenzas na práctica médica. Así mesmo, tamén se identificarán e explicarán as condicións médicas asociadas ás diferentes etapas da vida das mulleres, como a menopausa e outros cambios hormonais.

Recoñecidos con créditos ECTS e un selo distintivo

Os cursos, de carácter gratuíto, son certificados pola Universidade de Vigo e as persoas que os realizan obteñen un selo distintivo que visibiliza a formación recibida en temas de igualdade de xénero. Así mesmo, cada curso completado, dentro do prazo marcado en cada edición, é recoñecido con créditos ECTS segundo a súa duración.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o domingo 11, a través de Bubela. A docencia será do 12 de febreiro ao 8 de marzo a través de Moovi.