DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belén Rodríguez, persoal da Universidade, acadou o primeiro posto na ultratrail Carballiño-Santiago

102 km en 12 horas e 35 minutos como regalo de aniversario

Proclamouse campioa da Copa Galega e do Campionato Galego de CxM en 2016 e 2017

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 15/03/2018

Para Belén Rodríguez, persoal de administración e servizos da Universidade en Ciencias Xurídicas e do Traballo, a premisa de que “hai que moverse”, máis que un consello é un estilo de vida. Correr, nadar, practicar ioga ou saír en bicicleta son disciplinas que forman parte do seu día a día dende hai máis dunha década. Pero hai uns anos decidiu cambiar a cidade e o asfalto pola contorna natural e das carreiras urbanas pasouse aos trails de montaña. “É outra forma de correr, cambias o asfalto pola natureza, os edificios polas árbores e o ir e vir dos coches pola tranquilidade da contorna”, explica Rodríguez, que se considera unha apaixonada da montaña, dos percorridos polo monte e tamén dos retos e da capacidade de superación. O seu esforzo comeza a dar satisfaccións e esta fin de semana proclamouse campioa da terceira edición do ultratrail 102 km Carballiño-Santiago en categoría feminina. 

Aínda que xa levaba tempo barallando a posibilidade de presentarse a esta proba, este ano foi a primeira vez que Belén Rodríguez participou neste tipo de competicións cun percorrido de larga distancia nunha única xornada. A motivación da época do ano na que se celebra, xunto coa consideración do reto como viable polas características do terreo deron o pulo necesario a Rodríguez para inscribirse na terceira edición deste ultratrail. Ademais, “unha carreira que ten a saída na miña propia casa é impensable non facela algunha vez, así que este ano tocaba... foi o meu regalo de aniversario”.

O experimento, do dito ao feito

Como un “experimento” define a corredora este reto de completar 102 km, un traxecto que comezaba dende a igrexa carballinesa de Veracruz e remataba na praza do Obradoiro da capital galega. Un “experimento” que culminou en 12 horas e 35 minutos, sendo a primeira muller en chegar á meta. Para isto, Rodríguez adestrou dende o mes de decembro a nivel técnico dous días á semana, combinándoo con traballo específico como carreiras e camiñatas longas.

Outro dos puntos clave aos que esta traballadora da Universidade lle prestou atención foi á vestimenta. “Dediquei bastante tempo a seleccionar a roupa técnica para a primeira e a segunda parte da carreira, é un tema importante pois, de cara á climatoloxía que se esperaba e a duración do percorrido, hai que ver isto con detalle”, e engade que, de non elixir un equipamento adecuado, como un bo impermeable, “é fácil sufrir unha hipotermia e ter que retirarse”.

En canto ao transcurso da proba, foi no quilómetro 80 cando Rodríguez comezou a sentir molestias na perna esquerda, unha dificultade que arrastrou durante os seguintes 10 kms polo que “camiñei bastante e foron os máis duros. Nese tramo houbo moito asfalto, chuvia intensa e os ombreiros tamén se empezaban a queixar”. Pero a partir do quilómetro 90 as molestias foron reducíndose e, ao entrar no período de desconto, comezou a animarse, “ves as cousas doutra maneira... sabía que a meta estaba preto”. O que non supuxo un problema para a corredora foron as condicións meteorolóxicas, xa que non era a primeira vez que corría con moita auga nos camiños, lama, chuvia e forte vento, “aínda que menos do que se esperaba”.

Tras correr 25 maratóns de montaña, oito ultratrails e proclamarse gañadora da Copa Galega CxM e do Campionato Galego de CxM en 2016 e 2017, Belén Rodríguez aspira a que as súas fazañas no mundo do deporte lle permitan ampliar este palmarés. “Teño claro que vou a seguir...aínda non cheguei á meta”, conclúe.