DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O luns comeza o prazo de matrícula dos cursos de verán

11 alternativas á praia e ao xeado

Para achegarse ao mar, ás TIC, á natureza, á saúde, á enerxía e ao patrimonio

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 13/05/2011

Cos exames xa á volta da esquina, moitos comezan a ver máis aló e preparar as actividades estivais para ocupar o tempo de lecer. Como cada ano, a Universidade contribúe a esta oferta con once cursos de verán organizados pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria abertos a cidadanía e facendo un percorrido por temas de actualidade como o patrimonio, as enerxías renovables, as novas tecnoloxías, a natureza, a saúde ou o mar.

O vicerreitor Xosé Henrique Costas explica que se trata dun catálogo de cursos amplo, no que se conxugan “algúns dos habituais con moito percorrido e demanda con outros novos” como o de Enerxía eólica en Galicia e o seu impacto no mundo rural ou outro centrado na posta en valor do patrimonio natural do Bierzo. En conxunto trátase dunha oferta diversa que trata de transferir o coñecemento e a cultura máis aló dos límites da Universidade, achegándose á sociedade e abrindo as súas porta á cidadanía.

Alén das fronteiras de Galicia

Unha das novidades deste verán centrarase no patrimonio natural do Bierzo, na necesidade de conservar o pasado para construír o futuro e sobre todo, na análise do material depositado no Museo de Ciencias Naturales y Etnográfico de los Padres Paúles de Vilafranca do Bierzo. En colaboración coa Universidad de León, este curso afondará no importante valor destas coleccións, agora xestionada pola Universidade de Vigo, que foi a encargada de “ordenar, limpar e catalogar fondos que van dende fetos e animais disecados a especies de flora exótica, arte e mesmo arqueoloxía, o que se entendía por un museo do XIX”. Xunto con este importante patrimonio, diversos expertos explicarán tamén a riqueza natural da zona, os recursos xeolóxicos, a vexetación, a interpretación da paisaxe e o perigo da perda da biodiversidade na zona.

Outro dos cursos que este ano celebra a súa primeira edición é o de enerxía eólica que, da man do profesor Xavier Simón, reunirá a un conxunto de expertos arredor dos aspectos máis relevantes do desenvolvemento desta fonte de enerxía en Galicia e o seu impacto no mundo rural. A finalidade é buscar e poñer en valor as novas estratexias que permitan un desenvolvementos das enerxías renovables que fortalezan á economía galega en xeral a ao rural en particular.

A saúde, presente

A saúde e os primeiros auxilios serán os protagonistas de tres cursos ao longo de verán. Un deles ensinará aos asistentes a enfrontarse ás urxencias cardiovasculares, coñecendo as causas, síntomas e medidas a tomar. Un segundo obradoiro centrarase nos primeiros auxilios, con especial atención á resucitación cardiopulmonar básica, mentres que a terceira actividades se achegará á saúde psicolóxica, tratando de ensinar ao alumnado a aumentar a súa autoestima.

Recursos naturais e compromiso

Repite este verán dentro da oferta estival o curso sobre a Xestión de explotación acuícolas dirixido por Carlos Ferro para coñecer tanto as oportunidades como as ameazas que a contorna depara á actividade acuícola. O termalismo volve tamén estar presente na oferta, desta volta centrado no sector dentro do espazo transfronteirizo Galicia-norte de Portugal, como potencial vertebrador do turismo na zona.

Tamén nesa contorna da eurorrexión se sitúa esta nova edición do curso sobre a xestión de residuos sólidos urbanos, un tema de actualidade pero tamén controvertido, polo que os asistentes coñecerán o panorama actual de tratamento e xestión dos recursos e a lexislación e normativas vixentes.

Por outra banda, repite tamén o curso sobre Un mundo desigual: retos e perspectivas, centrado na análise da desigualdade, do binomio riqueza/pobreza, nos procesos de globalización e nas súa consecuencias no deterioro da contorna tanto natural como social e económica, avogando pola solidariedade, o compromiso e o desenvolvemento sustentable.

Novas tecnoloxías

Outro dos que repite é o curso básico de sistemas de información xeográfica, que prestará especial atención a desenvolver aplicacións básicas dun software libre específico. Neste eido das novas tecnoloxías, desenvolverase tamén un taller de seguridade telemática dirixido a proporcionar ao alumando os principais instrumentos técnicos e xurídicos para acadar a perseguida protección de datos e a privacidade.

Prazos e prezos

O período de matrícula ábrese este luns 16 de maio e remata dependendo das datas de comezo da docencia en cada un dos cursos. De igual xeito varían o prezo e as horas de cada actividade, aínda que en todos eles se aplicará un desconto do 25% aos membros da comunidade universitaria e un 50% ao alumnado da Universidade cunha bolsa do Ministerio de Educación ou doutro tipo de axuda por motivos económicos.