DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra '11 y punto' estará na Galería Sargadelos ata o próximo 31 de xaneiro

11 miradas que sitúan o espazo artístico no seu lugar

Expóñense pezas feitas polo alumnado do Laboratorio de Espazo do Máster en Arte Contemporánea

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 17/01/2012

O alumnado da Facultade de Belas Artes non deixa de innovar e buscar novos campos nos que investigar. Desta vez, 11 estudantes do Máster en Arte Contemporánea quixeron renderlle unha homenaxe ao espazo artístico na mostra 11 y punto, que recolle unha selección de obras nas que se reflexiona sobre o papel que xoga o lugar en esta disciplina, “xa que na maioría das ocasións queda relegado a un segundo plano”, explican os propios artistas. Coordinados pola profesora Mónica Ortúzar, cada alumno plasmou a súa visión persoal sobre o binomio espazo-tempo, “sempre dando prioridade á investigación plástica antes que á teórica”, apunta Ortúzar.

11 y punto ten a súa orixe na materia Laboratorio de Espazo impartida pola propia Mónica Ortúzar e na que, durante todo o cuadrimestre, tentou afondar no concepto de diagrama do filósofo francés Gilles Deleuze. Segundo sinala a docente, a finalidade da materia e da exposición é ofrecer novas formas de crear arte máis aló do emprego da perspectiva cónica, o sistema de representación gráfico máis empregado e máis próximo á realidade, co obxectivo de potenciar outras técnicas máis abstractas que poñen en valor o espazo no tempo, como o movemento expresionista de principios do século XX. “Este pensador abre novas perspectivas ao espazo en arte ao considerar que o artista nunca pintou outra cousa que o espazo-tempo”, explica a profesora. Así, do estudo do deleuziano, en conxunción cos intereses particulares de cada alumno, nacen as 11 obras desta exposición.

Once miradas persoais sobre o espazo

O requisito para expor en 11 y punto era que o único protagonista fose o espazo artístico, de aí que o resultado conxugase unha selección de obras nas que se mestura pintura, debuxo, fotografía, instalación e escultura. Olalla Barrosa non creou a súa peza ata coñecer in situ a sala de exposicións xa que sempre tivo en mente “renderlle unha homenaxe ao lugar que nos dá acubillo” polo que deseñou unha porta feita con papel encolado inspirada en unha de idéntico tamaño da sala. Pola súa banda, Nelson Bardón mesturou técnicas dixitais e artesanais para crear un gravado no que estuda o espazo que pasa desapercibido. Tomou como referencia os recunchos estratéxicos que os romanos deseñaban nas súas murallas como mecanismo de defensa “para representar a franxa case inexistente entre o ceo e o mundo terreal”, explica o propio artista.

Martín Rivas, arquitecto de profesión, preferiu afondar na proxémica, disciplina que estuda a distancia entre as persoas cando manteñen unha conversa. A través dunha obra escultórica representa un corpo humano encollido que "acolle dentro un fogar sen divisións no que reina a confianza e a tranquilidade". A pintura está moi presente na exposición con cadros inspirados no movemento expresionista e tampouco faltan referencias ao debuxo, como a obra de Lois Costas ou de Arkaitz Rodríguez, que pintou a man 100 retratos diferentes en post-its, vistos por detrás. A peza das dúas caras de Alejandra Sampedro, representandas tanto en escultura como nunha fotografía e nas que xoga co espazo tridimensional e bidimensional e a pintura colorida de Fernando Lafuente, completan esta selección de obras heteroxénea.

Formación práctica

Esta mostra exponse publicamente para compartir con toda a cidadanía esta nova idea de espazo, ademais de desenvolver unha actividade que permita ao alumnado achegarse á realidade profesional do sector ao ter que asumir responsabilidades máis aló da simple creación artística. Como explica María Arias, alumna do mestrado, “este tipo de propostas favorece a visualización do noso traballo en relación a un contexto e ensínanos a ter en conta factores como a iluminación ou o espazo que poden alterar a percepción dunha peza e que son difíciles de valorar no taller de creación”.

11 y punto estará aberta ata o vindeiro 31 de xaneiro na Galería Sargadelos, na rúa da Oliva número 24. Poderase visitar de luns a venres de 9.30 h a 13.30 h en horario de mañá e de 17.00 h a 20.30 h en horario de tarde. Os sábados redúcese o horario permitindo visitas só pola mañá, de 10.00 h a 13.30 h.