DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Lameiras e José Luis Baltar presentan a oferta de cursos de verán do campus

12 opcións e 700 prazas para seguir aprendendo no verán

Ourense, Allariz, Muíños, Xinzo e Celanova serán o escenario das actividades

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/06/2011
Rematan as clases pero as aulas universitarias continúan coa súa actividade tamén durante o período estival. O campus de Ourense ofrece este ano 12 cursos de verán con arredor de 700 prazas en total para que a comunidade universitaria e calquera persoa interesada poida aproveitar este tempo de lecer para formarse. A oferta é moi variada en temáticas, desde aprender a catar viños ata xestionar un espazo natural, e en lugares de celebración, pois os cursos celebraranse en Ourense, Allariz, Celanova, Xinzo e Muíños.

María Lameiras, vicerreitora do campus, e José Luis Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, presentaron este martes a programación de verán acompañados polos alcaldes dalgúns dos concellos participantes e os coordinadores dalgúns dos cursos que se celebrarán. Durante o acto, a vicerreitora do campus quixo salientar que “o campus de Ourense oferta este ano case 700 prazas a través de 12 cursos, cada un deles cunha temática diferente e entre os que hai propostas consolidadas que se repiten anualmente e novas incorporacións”. Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense fixo fincapé en que “se agradece que os cursos se diversifiquen polas vilas” porque a súa celebración lles reporta movemento a estas localidades e desexou que no futuro máis vilas se vaian sumando a esta iniciativa.

Consolidación e novidades

Non en van nesta edición a metade dos cursos terán lugar fóra do campus de Ourense. Deste xeito, Xinzo de Limia acollerá en xuño Castros de interior: a Idade de Ferro do noroeste peninsular a través do exemplo limiao e Celanova será o escenario do VII Curso audiovisual de Celanova. Cine galego: entre o obxecto identitario e a produción low cost. Allariz, co curso A tradición oral galega e portuguesa: metodoloxía e tratamento das fontes, e Muíños, con Os espazos naturais protexidos e a súa xestión, serán outros dos espazos elixidos para albergar os curso de verán 2011.

A cidade de Ourense será o escenario doutros seis cursos. O Ateneo de Ourense acollerá Relixiosidade e laicismo na sociedade do século XXI e Cultura e sociedade da Galicia do século XXI. XIII Curso de antropoloxía cultural de Galicia. Pola súa banda, no campus volverán a celebrarse A fiscalidade sobre a renda das persoas físicas: liquidación do IRPF e do ISD; Planificación, estratexias e comportamento fiscal do contribuínte, e Cata de viños, augardentes e licores. Tamén nas aulas universitarias se impartirán por primeira vez as iniciativas Curso de competencias directivas; Deporte, empresa e sociedade: a economía do deporte a través do cine, e Mulleres, coidados, benestar social.

O número de horas de cada curso sitúase en arredor de 30 e os prezos van desde os 8 ata os 75 euros. O prazo para inscribirse aos cursos, en cuxo patrocinio participan a Vicerreitoría do Campus, a Deputación Provincial de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo, ademais das diferentes entidades que colaboran en cada iniciativa, está aberto a todos os interesados, co obxectivo, tal e como salienta María Lameiras de “achegar o campus á cidadanía e a outros espazos xeográficos” e amosar que “a educación non se limita ás aulas universitarias e á formación curricular”.