DUVI

Diario da Universidade de Vigo

120 especialistas reúnense esta fin de semana en Tui para pór en valor a cultura e o patrimonio dos muíños

Nun congreso internacional no que se presentarán 54 comunicacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/04/2012

Coa presenza de 120 especialistas internacionais e a presentación de 54 comunicacións, o 8º Congreso de de Muiñoloxía converterá esta fin de semana a vila de Tui no epicentro da investigación e posta en valor da cultura dos muíños. A finalidade é converter esta simposio nunha palestra sobre a innovación e a ciencia no patrimonio etnográfico, en concreto no relacionado cos muíños. Xabier Lores, presidente da Asociación de Amigos dos Muíños e responsable da organización, explica que a primeira edición se celebrou en 1995 en Santiago, “e volve agora a Galicia con esta edición en Tui”. Entre os 120 participantes hai etnógrafos, arquitectos, docentes e investigadores de España, México, Italia e Portugal. O profesor da Universidade de Vigo e responsable do comité científico, Rafael Vallejo, salienta a calidade das comunicacións que chegan de 22 provincias e 12 comunidades autónomas e incide que o congreso vai “contribuír a coñecer, divulgar e conciencia da importancia dun patrimonio tan importante coma os muíños”.

Os obxectivos principais deste simposio internacional son, por unha parte potenciar os estudos de investigación neste campo e, por outra, dar un pulo ao traballo que se está a realizar de recuperación dos muíños por parte de administracións públicas e asociacións, sempre dotando de rango científico a cultura popular dos muíños. A relevancia deste congreso reside en que, como puntualiza Lores, “os muíños, como patrimonio etnográfico forman parte da sociedade e son un dos sinais que identifican unha cultura popular que abrangue o xeito de pensar dun pobo” e cómpre establecer “unha canle para dar a coñecer a toda a opinión pública os traballos realizados para pór en valor estas construcións e que estes indicios da nosa cultura non desaparezan”, explica.

Con traballo de campo e visitas aos muíños do Salnés, do Folón e do Picón, os congresistas participarán nunha actividade “con unha dimensión académica moi importante, pero tamén moi relacionada coa transferencia de coñecemento e coa que afondar no saber da cultura material e inmaterial”, recalca o profesor Rafael Vallejo.

Edificacións presentes en todo o mundo

Os muíños están presentes en case todos os lugares e civilizacións do mundo, aínda que con distintos usos. En algúns, como en Galicia e no norte de España, estaban vinculados á economía de subsistencia, mentes no resto do país, por exemplo, funcionaban como verdadeiras industrias fariñeiras privadas ou colectivas. Ata o luns día 30 deste mes, os 120 expertos tratarán de “ennobrecer a restauración do patrimonio etnográfico” dende o punto de vista da innovación e da ciencia, xa que “as reformas deben ter unha base científica e estes elementos patrimoniais non poden restaurarse como museos estáticos e mortos, senón que coa axuda das novas tecnoloxías hai que adaptalos á vida e á contorna actual. Non poden cumprir a mesma función que hai cen anos, é necesario un carácter innovador para que esta arquitectura popular teña a súa repercusión na vida moderna”, explica Xabier Lores.

Abarcaranse temas tan diversos como a enxeñaría, a industria e a tecnoloxía nos muíños, falarase sobre a súa arquitectura e o seu protocolo de restauración, sobre a economía e a lexislación dos elementos patrimoniais e sobre a cultura, historia, literatura, arte e música que levan arredor, xa que a través da vida dun muíño pode estudarse o devir de toda unha sociedade. Outro dos sectores co que os expertos intentan vincular este patrimonio etnográfico é co turístico, axudando así a que “aparte do valor histórico que teñen acaden o éxito comercial e económico”, salienta Pablo Baquero, deputado provincial.