DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No IX Congreso Internacional de Fonética Experimental que se celebra en Filoloxía e Tradución

120 investigadoras e investigadores expoñen os seus traballos no eido da fonética e as súas aplicacións

Organizado polo Laboratorio de Linguaxe e Cognición, arrancou hoxe mércores e esténdese ata o venres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/06/2023

Procedentes de España, Alemaña, Francia e diversos países de Asia e América Latina, 120 investigadoras e investigadores expoñen ao longo desta semana no campus de Vigo os seus traballos no eido da fonética e as súas aplicacións. Fano no marco da novena edición do IX Congreso Internacional de Fonética Experimental, cuxa organización corresponde este ano á Universidade de Vigo, en concreto ao Laboratorio de Linguaxe e Cognición dirixido polos profesores Rosalía Rodríguez e Miguel Cuevas.

O simposio arrancou este mércores na Facultade de Filoloxía e Tradución e alongarase ata o vindeiro venres, sendo o maior evento no eido da fonética do Estado español. Como explicou Cuevas no acto de apertura, os 120 participantes “presentaron máis de 100 propostas de comunicacións, que xunto ás tres conferencias plenarias, abordan dende os aspectos máis tradicionais, como por exemplo a descrición dialectal, aínda que sempre con novos enfoques e propostas, ata aqueles que xorden máis preto no tempo como a fonética forense, a aplicación de novas técnicas de análise, o ensino de linguas, a fonética clínica ou os achegamentos neurocognitivos á compoñente fónica”.

No acto de inauguración participou tamén o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, que deu ás e aos participantes a benvida á Universidade de Vigo e á facultade anfitrioa, un dos centros “máis antigos da UVigo”. Montero fixo fincapé na “excelencia” docente e investigadora da FFT e na súa capacidade para “acoller reunións científicas de asociacións profesionais e de expertos que atopan aquí o lugar ideal” e felicitou ao comité organizar, encabezado polos profesores Miguel Cuevas e Rosalía Rodríguez, “exemplo de colaboración transversal e traballo conxunto, dálles o mesmo crear un pioneiro e singular Laboratorio de Cognición e Linguaxe que reunir máis dunha centena de expertos e expertas en fonética”.  A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, tamén agradeceu o esforzo da organización, “porque para que isto sexa unha realidade, hai moito traballo detrás” e trasladou a felicitación de toda a Universidade á Facultade de Filoloxía e Tradución e ao seu equipo decanal “por todo o esforzo que fan” por visibilizar e campo das humanidades, un eido “imprescindible para que o mundo sexa humano e a sociedade sexa reflexiva e crítica e non nolo poñen fácil”. 

Finalmente, no acto participou tamén Jaime Aneiros, concelleiro de Facenda e docente da UVigo, que convidou a todos os participantes a coñecer e desfrutar de Vigo, da súa contorna e da súa gastronomía e fixo fincapé na importancia que ten para a cidade este tipo de congresos que impulse a Universidade. 

“Unha disciplina viva e puxante” 

Miguel Cuevas agradeceu a colaboración de todas as institucións implicadas co congreso, un evento que como remarcou “para case todas as persoas presentes hoxe aquí” ten unha dobre dimensión “académica e persoal”. No eido académico, continuaba, “constatamos que a fonética segue sendo unha disciplina viva e puxante nun momento no que se fai necesario mostrar á sociedade o valor das humanidades e a nosa capacidade para tecer relacións entre as ciencias humanas e outros de tipos de ciencias”. Neste sentido, destacou que a fonética experimental ten “un futuro prometedor” e exemplo disto son as tres conferencias plenarias que imparten neste congreso “especialistas de relevancia internacional”.

O congreso está aberto a todos os ámbitos temáticos da fonética experimental, e ao longo das tres xornadas presentaranse comunicacións que van dende a dialectoloxía ata o procesamento, pasando polas tecnoloxías da fala, a lingüística clínica, etc. Porén, explican os organizadores, decidiuse “dedicar as tres conferencias plenarias a un ámbito con cada día máis relevancia, que é o procesamento, percepción e adquisición da compoñente fónica”. Así, a conferencia plenaria da primeira xornada, que foi a que abriu o programa da man de Yiya Chen, da Universidade de Leiden, abordou a aprendizaxe perceptual do ton e explorou a noción de recalibración da percepción deste elemento prosódico. A conferencia de mañá xoves correrá a cargo de Mark Gibson, da Universidade de Navarra, que tratará a percepción da fala en contextos ruidosos desde as perspectivas psicoacústica, computacional e neurolóxica. En concreto, explorará se a integración de información visual e auditiva aumenta a precisión preceptiva. No derradeiro día do congreso intervirá o profesor Pascal Belin, da Universidade de Aix-en-Marseille e investigador do Instituto de Neurociencia de Timone, que falará sobre o procesamento da información da voz no cerebro e a súa evolución a partir de técnicas de neuroimaxe.

Na memoria de Ana Mª Fernández Planas 

Esta edición do CIFE é, como explicaba a profesora Rosalía Rodríguez no acto de apertura “realmente especial” porque está dedicada á memoria da profesora da Universidade de Barcelona Ana Mª Fernández Planas, falecida en agosto de 2021 “á que moitos de vós coñecestes e coa que traballastes”. Era, lembraba a docente da UVigo, “unha persoa marabillosa, extremadamente humilde e xenerosa como investigadora” e que resultou “crucial” no desenvolvemento da súa propia carreira investigadora. Cuevas tamén tivo palabras para ela, porque “o seu traballo, o seu sorriso tímido e a súa forma de ser deixaron unha pegada enorme e imborrable na fonética experimental e en todos os que tivemos a gran sorte de coñecela”.

Na súa honra esta tarde terá lugar un acto de homenaxe no salón de actos de Filoloxía e Tradución.