DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata venres, organizado pola FFT por encargo da Asociación Europea de Profesores de Español

130 docentes de español analizan nun congreso en Vigo os principais retos e desafíos deste idioma na era da pospandemia

Preséntanse máis dun cento de comunicacións, incluíndo sesións plenarias e talleres prácticos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 24/07/2023

Ensinanza de español en contextos multiculturais, literatura e memoria histórica, grazas e desgrazas no ensino deste idioma en Estados Unidos, análises das implicacións de ChatGPT para a didáctica da lingua ou mesmo influencia da tradición poética hispánica nas cancións do grupo La Oreja de Van Gogh. Estes son só algúns exemplos das máis dun cento de comunicacións que se presentan esta semana no LVII Congreso Internacional da Asociación Europea de Profesores de Español, AEPE, unha cita que arrancou hoxe luns na Facultade de Filoloxía e Tradución e que reúne a participación de arredor de 130 docentes chegados desde máis dunha vintena de países, tanto de Europa (España, Grecia, Italia, Eslovaquia, Suíza, Francia…), como de América (Estados Unidos, Brasil, Perú, Colombia, Chile…), Asia (China, Xapón, Taiwan, Israel…), e tamén África (Marrocos). 80 participan no congreso de xeito presencial e arredor de medio centro fano desde os seus respectivos países a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.

“A lingua española ten unha riqueza e unha diversidade que transcende fronteiras, permítenos asomarnos á historia, ás tradicións, ás crenzas, aos soños... de máis de 600 millóns de persoas e como profesores e profesoras de español temos unha responsabilidade importante na promoción deste idioma, pero tamén no cultivo nunha actitude de respecto cara a outras linguas e outras culturas”, subliñou na apertura do encontro a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, que foi a encargada de presidir unha inauguración na que estivo acompañada polo presidente de AEPE, Pablo Deza, e do decano da facultade e presidente do comité organizador do congreso, José Montero.

“Orgullo por ver a facultade chea de persoas de medio mundo” 

“O español é unha ferramenta fundamental para a internacionalización e nas universidades españolas debemos aproveitarnos dela, algo que os ingleses fixeron moi ben co seu idioma e no que nós aínda temos moitos deberes por diante“, salientou a vicerreitora,  quen tamén destacou a valía deste idioma para a divulgación científica e dos resultados de I+D acadados nas universidades. “O español chega a millóns de persoas en todo o mundo e  non necesariamente hai que publicar só en inglés, o español ten que ser tamén a lingua da ciencia e da investigación”, engadiu Del Pozo, que, como filóloga e docente deste centro, amosou o seu “orgullo por ver a facultade chea de persoas de medio mundo, que traen con elas achegas moi interesantes. “

Pola súa banda, o decano da facultade, José Montero, agradeceulle aos responsables de AEPE a oportunidade de traer a Vigo este congreso, agradecemento que o presidente de  AEPE, Pablo Deza, fixo extensible ao comité organizador do congreso, por todo o labor desempeñado ao longo dos últimos meses. Fillo de ourensáns, as primeiras palabras do principal responsable da Asociación Europea de Profesores de Español pronunciounas en galego, tras esta benvida, destacou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo entre os asociados e asociadas a celebración desta xuntanza. “Moitas grazas a todos por vir, agardo que entre todos fagamos deste encontro algo moi interesante e cheo de intercambios”.

Sesión plenaria cargada de bo humor

Ao longo de toda a semana a presentación de traballos, que se levará a cabo de maneira simultánea nas diferentes aulas do centro, combinarase con sesións plenarias e tamén talleres específicos. A sesión inaugural correu a cargo da profesora da Facultade de Filosofía e Letras da Universidad de Extremadura Marisa Montero Curiel, quen se definiu a si mesma como unha apaixonada da docencia de Español como Lingua Estranxeira, “só durante o ano da pandemia deixei de dar clase de español a estudantes estranxeiros”, admitiu a profesora, quen, nesta ocasión, centrou a súa intervención en facer unha reflexión sobre o uso da creatividade léxica como recurso de humor verbal. 

“Por un lado,  quero transmitir a idea da enorme importancia que ten nas clases de español como segunda lingua o ensino da morfoloxía derivativa, é dicir, a explicación de como creamos as palabras, unha faceta que permite dotar ao estudante dunha maior autonomía e, por outra banda, tratarei de insistir en que todo este labor se debe facer con bo humor, un humor que se aproxima á crítica, á ironía, ao sarcasmo... e que, en moitos casos, ten unha clara función eufemística”, subliñou a experta.

ChatGPT: recurso útil ou ameaza?

Xunto ás presentacións das comunicacións e as sesións plenarias, as persoas asistentes teñen tamén a posibilidade de asistir a talleres de carácter máis práctico. O primeiro deste talleres,  que terá lugar esta mesma tarde, estará centrado na análise das implicacións de ChatGPT para a didáctica da lingua e del farase cargo Javier Domínguez Pelegrín, investigador da Universidad de Córdoba, onde o curso pasado obtivo o Premio de Excelencia Docente. O obxectivo deste obradoiro é dobre: por unha banda, expoñer as aplicacións potenciais de ChatGPT para o ensino e a aprendizaxe do español, tanto desde a perspectiva do docente como do discente e, pola outra, propiciar a reflexión e o debate acerca das súas implicacións na profesión docente a partir de dúas posturas contrapostas: recurso útil ou ameaza?

En relación co primeiro obxectivo, e desde a perspectiva do docente, poñeranse exemplos das posibilidades que ofrece ChatGPT para programar unha materia, xerar actividades, corrixir textos dos estudantes, elaborar exames ou explicar contidos. Os resultados obtidos analizaranse para determinar o grao de fiabilidade desta nova tecnoloxía. Doutra banda, desde a perspectiva do estudante, proporcionaranse exemplos de como pode practicar a expresión escrita, resolver actividades ou xerar explicacións sobre os contidos. Respecto do segundo obxectivo, mostraranse noticias que ilustran ambas as posturas sobre os beneficios e riscos de ChatGPT e pedirase a participación dos asistentes para tentar construír un posicionamento respecto diso

Actividades ata o venres 28

Salvo mañá martes, xornada festiva na que as e os congresistas aproveitarán para realizar unha excursión polas Rías Baixas, cada unha das xornadas haberá unha sesión plenaria. O mércores a profesora da Universidad de Sevilla Catalina Fuentes disertará sobre as diferentes categorías para a sintaxe do discurso; o xoves, Alexia Dotras, licenciada en Filoloxía Hispánica (2000) e Filoloxía Galega (2002), doutora europea en Filoloxía Española (2006) pola Universidade de Vigo e na actualidade docente do Instituto Politécnico de Bragança, afondará nas literaturas de fronteira na Raia. Xa o venres será o profesor da Universidade de Vigo José Yuste o encargado de pechar estas sesións cunha intervención centrada no mundo da paratradución.

A cerimonia de clausura está prevista para o venres ás 15.30 no salón de actos da facultade.