DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense presenta a súa oferta de mestrados para o curso 2011/2012

17 opcións para volver á Universidade ou continuar nela

O prazo para preinscribirse nalgunha das 467 prazas dispoñibles remata o día 7 de xullo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 04/07/2011
A formación continua é unha das mellores bazas para atopar un emprego, para cambiar del ou para ascender. Tamén é unha forma de seguir medrando e actualizando coñecementos como investigador, como profesional e como persoa. Para todos aqueles que desexen estudar o vindeiro curso un mestrado para completar a súa formación, a Universidade de Vigo ofrece no campus de Ourense 17 mestrados nos seus seis centros, con un total de 467 prazas dispoñibles. O prazo para preinscribirse en calquera destas opcións está aberto ata o 7 de xullo de 2011.

María Lameiras, vicerreitora do campus, presentou este luns a programación de posgrao acompañada de parte dos coordinadores dos diferentes mestrados. Durante a súa intervención, a vicerreitora destacou que 9 dos mestrados teñen un carácter investigador, orientados ao desenvolvemento de competencias no eido da investigación, e 8 profesionalizante, destinados a incrementar a formación dos profesionais. María Lameiras tamén aproveitou a ocasión para lembrar que os residentes fóra de España que desexen seguir os seus estudos no campus de Ourense realizando un mestrado poden solicitar unha das dez bolsas que ofrece o programa Ourense Exterior, unha iniciativa da Deputación Provincial de Ourense, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense.

En Ciencias

A Facultade de Ciencias é o centro con maior oferta de mestrados para o curso 2011/2012, con 5 opcións diferentes. Son os mestrados en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria; en Fotónica e Tecnoloxías do Láser; en Ciencias do Clima; en Nutrición e en Ecosistemas Terrestres, Uso Sostible e Implicacións Ambientais. Un total de 120 prazas en estudos que xa se veñen consolidados na oferta do centro nos últimos anos.

En Ciencias da Educación

Séguelle en número de mestrados a Facultade de Ciencias da Educación, que impartirá os estudos exclusivos de Máster en Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares; o Máster en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos e o Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos. Ademais, ofrecerá de xeito compartido cos demais campus da Universidade de Vigo o Máster para o Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.

En Ciencias Empresariais e Turismo

A oferta do campus de Ourense para o período 2011/2012 consolida os estudos impartidos o curso que agora remata e introduce como novidade o Máster en Xestión Empresarial do Deporte, un título oficial único nesta materia en Galicia e no noroeste peninsular. Ademais del, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo impartirá o Máster en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e o Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa.

En Enxeñaría Informática

Pola súa banda, a Escola Superior de Enxeñaría Informática consolida a súa oferta coa reedición do Máster en Consultoría de Software Libre e o Máster en Sistemas Software Intelixentes e Adaptables. Dúas opcións con un total de 50 prazas coas que o centro quere dar resposta aos cambios e necesidades que no ámbito das tecnoloxías da información ten na actualidade a sociedade e a empresa.

En Dereito

Tamén con dúas propostas de mestrado comezará o vindeiro curso a Facultade de Dereito. Son o Máster en Información Técnica do Medicamento, que se ofrece a distancia e de xeito virtual, e o Máster en Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente, cuxo obxectivo é facilitar aos alumnos o estudo e coñecemento sistemático da normativa urbanística e ambiental vixente.

En Historia

Por último, a Facultade de Historia acollerá o seu Máster en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais, que no curso 2011/2012 celebrará a súa terceira edición co obxectivo de formar historiadores, xeógrafos e historiadores da arte proporcionándolles os coñecementos e as técnicas necesarias para poder levar a cabo traballos de investigación en campos profesionais como a planificación e xestión territorial en institucións e empresas.