DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un libro recolle unha escolma de artigos sobre proxectos de tese de doutoramento

19 propostas para avanzar no eido educativo

Froito dun seminario de intercambio de experiencias de Ciencias da Educación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 28/06/2018

Unha vez ao ano a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense reúne nun Seminario de Intercambio de Experiencias en Investigación ao seu alumnado do programa de doutoramento para, todas e todos xuntos, analizar e debater o estado e evolución de cada unha das teses de doutoramento que están a realizar estes investigadores e investigadoras. A publicación Investigacións para explicar e avanzar en educación ven de recoller unha escolma dos traballos presentados na edición do seminario celebrada en 2017 en Allariz. 

Esta obra colectiva publicada por Andavira Editora, explica Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación e editor da publicación, recolle algunhas das investigación elaboradas no marco do Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento, posto en marcha por acordo de colaboración entre diversos grupos de investigación da Universidade de Vigo e outras entidades científicas e académicas de ámbito galego e foráneo, comezando a súa andaina no curso 2013/2014. “No libro recóllense traballos que amosan esa madurez de anos de investigación, previos á presentación das teses, e outros traballos que aínda perfilan obxectivos e primeiros avances no traballo de doutoramento”, comenta o vicedecano. Tanto o seminario como a elaboración destes artigos para a publicación que se realiza anualmente, subliña Xosé Manuel Cid, son un revulsivo para o alumnado que está inmerso na realización da súa tese de doutoramento. 

Cinco bloques temáticos

A publicación recolle 19 achegas doutros tantos investigadores e investigadoras de predoutoramento centrados nas temáticas sobre as que están elaborando as súas teses de doutoramento, elaborados nalgúns casos xunto aos seus directores e directoras de tese. O libro articula estes traballos en cinco bloques temáticos, como son a intervención socioeducativa; as TIC e os medios de comunicación sociais aplicados á educación; as necesidades específicas de apoio educativo; a psicoloxía clínica e da saúde e saúde, sexualidade e xénero. 

Entre os temas abordados na liña de investigación de intervención educativa están a mitoloxía da auga na Limia; a influencia dos estereotipos de xénero na elección de xoguetes ou a cultura popular como ponte entre a escola e a sociedade. No eido das TIC e dos medios de comunicación social, trátanse aspectos como o uso dos videoxogos na adolescencia, da tableta en Educación Primaria ou do móbil en menores en protección. No terceiro dos bloques da publicación, os traballos céntranse en cuestións como a inclusión educativa do alumnado con dificultades de aprendizaxe ou a relación entre intelixencia e estabilidade emocional e rendemento académico. 

O libro tamén recolle achegas no eido da psicoloxía clínica e a saúde, con artigos sobre cuestións como a actividade física e a saúde en estudantes universitarios ou a educación para a saúde e augas mineromediciais en pacientes con fibromialxia. Por último, no apartado de saúde, sexualidade e xénero, hai artigos sobre temáticas como a sexualidade online ou o desenvolvemento crítico e o sexismo.