DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A revista científica da Facultade de CC da Educación e do Deporte publica o seu vixésimo volume

20 anos dando visibilidade ás investigacións educativas

A publicación foi incluída en bases de datos como Scopus ou ESCI

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/07/2022

No ano 2003 vía a luz o primeiro volume da Revista de Investigación en Educación, unha publicación científica impulsada pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte co obxectivo de dar visibilidade ás investigacións e innovacións que, desde un enfoque interdisciplinar, puñan o foco no ensino e aprendizaxe nos diferentes niveis educativos. Tras converterse nunha publicación dixital de acceso aberto, o que supuxo “un salto cualitativo” en termos de difusión, como recoñece o seu editor xefe, o catedrático Alberto Pazo, a revista edita desde hai máis dunha década un volume anual, composto por dous números, que neste 2022 alcanza súa vixésima entrega. Foron, como recoñece Pazo Labrador tras a publicación en abril do primeiro dos números do volume 20, dúas décadas de traxectoria nas que “o proxecto foi crecendo, facéndose un nome e tendo un recoñecemento cada vez máis destacado no ámbito científico nacional e internacional”, como amosa o feito de que a revista fose indexada recentemente na base de datos de publicacións científicas Scopus.

Crecendo en impacto e visibilidade

Despois de ter que agardar a 2005 para poder publicar un segundo volume, xa que, por aquel entón, “apenas chegaban artigos”, a revista recibe actualmente “entre 50 e 60 artigos por ano”, dos que pouco máis do 20% rematan publicándose finalmente, o que pon de relevo, como sinala o seu editor xefe, “que o filtrado de calidade é bastante arduo”. Coa súa conversión nunha revista dixital, “que contribuíu a unha maior e máis eficaz difusión” e grazas á “implicación de todos os membros do comité editorial”, destaca, a publicación deu un “salto cualitativo” que fixo posible que en 2019 pasase a ser indexada en Scopus. Isto, como salienta este profesor do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, supuxo “mellorar o seu impacto e visibilidade, porque o número de citas internacionais aumenta e iso indica que a revista está inserida cada vez con máis solidez no circuíto científico internacional”, á vez que sirve para “a proxección da facultade”. Por outra banda, a revista atópase tamén “nos ránkings de Scimago Journal Rank (SJR) e, desde o ano pasado, no CiteScore do propio Scopus”, polo de agora “en posicións modestas, pero con tendencia á mellora”, sinala o seu coordinador. Incluída no portal de revistas electrónicas de acceso aberto do Servizo de Publicacións da UVigo, esta revista incorporarase previamente, en 2015, ao índice ESCI (Emerging Sources Citation Index), da Web of Science.  

Avanzar no camiño da consolidación

Como lembra Pazo Labrador, a Revista de Investigación en Educación leva anos cumprindo “todos os requisitos necesarios” para entrar a formar parte destes índices, como a “puntualidade na publicación dos números, homoxeneidade nas citas bibliográficas, normas éticas e de boas prácticas”, ou a avaliación por pares cega”, por parte dun comité científico integrado por preto de 70 investigadores e investigadoras de nove países, así como cumprindo “o compromiso editorial de ofrecer un produto científico de calidade que fomente o debate e a reflexión”. De cara ao futuro, o seu editor xefe sinala que a revista manterá a idea coa que naceu, a de pór o foco na investigación ligada á educación e á didáctica desde múltiples perspectivas. “O campo das disciplinas que, directa ou indirectamente, poden centrarse en investigacións educativas ou na transposición didáctica do coñecemento disciplinar é moi amplo”, salienta. Nese marco, o obxectivo de futuro é o de “seguir consolidándonos como un foro de referencia e incrementar o impacto e as citas, algo fundamental na consideración da importancia dunha revista científica, máis que o volume de artigos que poidan publicarse en cada número”. 

Do mesmo xeito, o equipo responsable da publicación tamén avoga por manter a súa actual periodicidade dun volume anual con varios números. Este adoptouse en 2011, despois da publicación de dous volumes en 2010, e actualmente os números ordinarios ven a luz cada ano en abril e outubro. “É un formato bastante operativo, que posibilita unha maior circulación de artigos”, salienta Pazo, que destaca o “labor incansable” do director técnico da revista, o profesor Uxío Pérez. Así mesmo, en tres ocasións incorporouse un terceiro número, de carácter monográfico, como o que actualmente se prepara para este 2022. “Pretendemos seguir explorando esta vía, que é moi produtiva, ao potenciar a visibilidade e o impacto internacional da revista, pois as achegas que se reciben son de elevada calidade”, salienta o editor xefe, que destaca nese senso o labor das catedráticas Ángeles Parrilla e Francisca Fariña como coordinadoras dos monográficos publicados en 2013 e 2019, aos que se sumou en 2020 o dedicado a recoller algúns dos estudos presentados no oitavo International Congress of Educational Sciences and Development.