DUVI

Diario da Universidade de Vigo

BBAA, que neste curso celebra o seu 25 aniversario, trasladouse hai dúas décadas á súa sede actual

20 anos desde que os pinceis substituíron aos fusís

O antigo cuartel de San Fernando foi remodelado para converterse nun “templo da cultura e o ensino”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 15/12/2014

No curso no que a Facultade de Belas Artes cumpre 25 anos, outro fito importante na historia do centro alcanza tamén unha cifra redonda. Entre decembro de 1994 e xaneiro de 1995 completábase a reforma que transformou o cuartel militar de San Fernando, “nun templo da cultura e o ensino”, como recorda César Portela, o arquitecto responsable daqueles traballos. Despois de catro cursos na que fora a sede do Fogar Provincial, na rúa Sierra, os fusís deron paso aos pinceis naquel edificio do século XVIII da rúa Maestranza, no que supuxo “un salto inmenso” para o centro, que pasou dunhas instalacións “nas que case non había calefacción a outras que resultaron ser a envexa de moitas outras facultades”, como lembra o seu primeiro decano, Juan Fernando de Laiglesia.

“Foi como pasar da noite ao día”, engade o actual decano, Juan Carlos Meana, profesor da facultade desde 1993, daquel cambio de sede que levaba a Belas Artes a un “edificio moi amplo e moi bonito, pero que non tiña absolutamente nada, polo que houbo que equipalo cun mínimo de forma inmediata”, relata. Por aquel entón, atopábase á fronte do Decanato o profesor José Chavete, que coincide á hora de apuntar que o traslado “realizouse no momento máis complicado, co curso xa iniciado, polo que a duras penas puidemos subsistir ese primeiro ano”. De feito, como lembra Laiglesia, “as obras de remodelación foron complicadas e non se remataron en outubro de 1994, como estaba previsto”, o que deu pé ás mobilizacións do alumnado. “Houbo mesmo un peche no edificio do cuartel”, engade este docente respecto do que define como “un desfase de tempo comprensible nunha remodelación que supuña un salto inmenso”.

Unha facultade nacida entre o frío e a ilusión

Nomeado decano comisario polo reitor Luis Espada, Juan Fernando de Laiglesia chegou a Pontevedra en setembro de 1990 co obxectivo de poñer en marcha a nova titulación. “En outubro dese ano, cando tiñan que comezar as clases, aínda non estaban rematadas as reformas que precisaba o edificio que nos cedera a Deputación”, situado onde hoxe se asenta o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Por iso, os 120 alumnos e alumnas que integraban a primeira promoción tomaron os seus primeiros apuntamentos “nas seis primeiras grandes leccións, abertas ao público” que se desenvolveron no Teatro Principal. Non foi pois ata comezos dun novembro “ventoso e chuvioso” cando comezaron as clases naquela primeira sede da facultade. Dábase así inicio a unha etapa que o primeiro decano recorda como “algo magnífico”, xa que “con moi poucos medios, con frío e cunha enorme ilusión por parte do profesorado, comezamos a formación das novas xeracións de artistas”. Tamén lembra con agarimo aquela “construción dunha facultade desde os seus cimentos” José Chavete, vicedecano naqueles primeiros anos, unha etapa “de moita ilusión, excesivo traballo, problemas constantes e solucións creativas”.

Lembra Chavete, que aquela primeira sede “quedou pequena xa no terceiro curso”, polo que o debate sobre cal sería o novo destino de Belas Artes non tardou moito en iniciarse e tras el viñeron tamén as mobilizacións do alumnado. “Xa sabíamos que, en 1994, cinco xeracións non ían caber”, engade Juan Fernando de Laiglesia, que recorda que “estivemos vendo diferentes posibilidades, mesmo nalgún polígono industrial, e finalmente optouse polo cuartel de San Fernando”. Dous anos antes de que o traslado se fixese efectivo, en decembro de 1992, “asistimos ao acto protocolario da saída dos militares do cuartel, e a partires de aí, comezou a reforma”.

Levar a luz ás aulas

O concurso convocado para levar a cabo a conversión do cuartel nunha facultade situou á fronte daquel proxecto a César Portela, quen lembra como “un logro para Pontevedra facer dun cuartel, que era un lugar pechado, un espazo aberto, moito máis alegre e luminoso”. O arquitecto pontevedrés recorda que se tratou dun “reforma complexa”, que se estendeu por preto de dous anos, xa que implicaba unha “serie de condicionantes”, posto que había que dotar ao centro “dunha biblioteca ou de espazos para os talleres, sen destruír o que xa había, que era un edificio de gran racionalidade e de gran beleza”, protexido por Patrimonio. “O máis importante era introducir a luz nas aulas”, destaca Portela, que tamén tratou de “aproveitar o bo que tiña o antigo patio de instrución”, coa idea de converter o cuartel “nun espazo público no que a xente tería acceso ás galerías e ao xardín central”, este último, lamenta, “pouco coidado”.

Pasaron 20 anos

Unha vez “normalizada a situación tralo traslado, puidemos adecuar o espazo as nosas necesidades” e, co paso dos anos, “a facultade foi subindo en categoría e prestixio”, salienta Chavete, decano entre 1994 e 1998, para o que a Belas Artes “sempre lle faltou espazo”, aínda que as posibles carencias se fosen suplindo “cunha boa dotación material”. Naqueles primeiros anos na nova sede “comezouse a montar toda a maquinaria e a dotarse de equipamento aos diferentes talleres”, engade Meana, que lembra como aquela “mellora considerable” supuxo tamén “moito traballo”. Dúas décadas despois, preto de 650 alumnos e alumnas cursan no antigo cuartel de San Fernando os seus estudos de grao, máster ou doutoramento, polo que actual decano en funcións recoñece que “o que hai 20 anos era a abundancia, agora queda pequeno”. No en van, ao longo dos seus 25 anos de historia, Belas Artes viviu, destaca Meana, un “crecemento moi natural, sen grandes sobresaltos”, que permite “seguir enchendo de alumnos o centro todos os anos” e que converteu a facultade nun “elemento fundamental” no desenvolvemento da arte contemporánea en Galicia.