DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa desenvólvese por terceiro ano consecutivo

20.000 euros para unha nova convocatoria de bolsas dirixida ao estudantado beneficiario ou solicitante de protección internacional

Está destinada á realización de estudos universitarios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 27/07/2023

O estudantado beneficiario ou solicitante de protección internacional, apátrida ou en situación temporal afectado polo conflito de Ucraína ten de prazo ata o vindeiro 31 de xullo para solicitar as bolsas que convoca a UVigo, para a realización de estudos universitarios, preferentemente oficiais, que faciliten a súa integración no país. A convocatoria, que acada este curso a súa terceira edición, beneficiou nos cursos 2021-2022 e 2022-203 a nove estudantes, procedentes de Afganistán, Ucraína, Venezuela e Palestina. 

A UVigo destina 20.000 euros a esta terceira convocatoria de bolsas, na que ao igual que en anteriores edicións, a axuda máxima individual será de 3000 euros, unha cantidade que inclúe os prezos públicos por servizos académicos e administrativos correspondentes á matrícula; unha contía máxima de 2000 euros para todo o curso en concepto de axuda para gastos derivados da actividade académica e un curso de galego ou castelán, impartidos pola Área de Normalización Lingüística e o Centro de Linguas da UVigo, respectivamente. “Unha universidade socialmente responsable, comprometida e inclusiva non pode ignorar a realidade que están a sufrir as persoas refuxiadas e solicitantes de protección internacional e a educación superior pode contribuír notablemente a súa integración e éxito laboral, así, como elas, poden contribuír co seu talento á sociedade na que se integran”, afirma Maribel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo en relación con esta convocatoria.

Requisitos das persoas solicitantes

As persoas solicitantes das bolsas deberán cumprir os seguintes requisitos: manifestar interese en realizar a preinscrición ou estar preinscrito/a en estudos de grao e mestrado oficial ou doutoramento no curso 2023/2024 en centros propios da Universidade de Vigo ou en centros adscritos que imparten titulacións non impartidas en centros propios (Enfermaría Ourense, Enfermaría Pontevedra e Enfermaría Meixoeiro), ou nunha titulación propia de especialista da UVigo.

No caso do alumnado que continúe estudos e xa foi beneficiario desta mesma bolsa con anterioridade, deberá ter superado no curso anterior ou no último realizado na universidade: o 60% dos créditos matriculados nas titulacións de grao da rama de Enxeñaría e Ciencias.; o 70% dos créditos matriculados no resto das titulacións de grao; o 80% dos créditos matriculados nas titulacións oficiais de máster que habilita para o exercicio profesional e o 90% dos créditos matriculados no resto das titulacións oficiais de mestrado.

Obrigas das e do beneficiarios das bolsas 

As e os estudantes beneficiarios das bolsas deberán matricularse no curso 23/24 antes do 15 novembro de 2023 nalgunha titulación oficial de grao, mestrado, doutoramento ou nunha titulación propia de especialista da UVigo.; participar de xeito presencial nas actividades académicas ao longo de todo o curso; a realización das probas e exames das materias nas que se atopan inscritas e a participación responsable nas demais actividades orientadas a completar a súa formación. Así mesmo, as e os bolseiros deberán manter a condición de solicitante ou beneficiario de protección internacional durante todo o curso e no caso dos solicitantes de asilo deberán comunicar a admisión ou inadmisión a trámite da solicitude en canto a reciban.