DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade e a Deputación de Ourense renovan o seu convenio de colaboración anual

220.000 euros para actividades culturais, deportivas e educativas no campus

Manuel Reigosa reuniuse este mércores con Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 05/05/2021

A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense renovaron este mércores o seu convenio de colaboración anual, segundo o cal o órgano provincial achegará á institución académica a cantidade máxima de 220.000 euros para o desenvolvemento ao longo de 2021 de actividades culturais, deportivas e educativas. Foi no marco dunha reunión mantida no Pazo Provincial entre Manuel Reigosa, reitor da UVigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. Neste encontro, así como na reunión posterior entre o reitor e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, fíxose fincapé na satisfacción compartida polo acordo asinado este martes entre a Xunta e as universidades galegas que permitirá a impartición do grao e mestrado en Intelixencia Artificial no campus de Ourense a partir do curso 2022/2023.  

Colaboración anual

Do acordo asinado entre a UVigo e a Deputación de Ourense, Manuel Reigosa destacou que é un convenio anual “moi proveitoso para a Universidade e moi proveitoso para a cidadanía en xeral”. O reitor remarcou "a satisfacción dos acordos que acadamos coa Deputación de Ourense e das liñas de futuro que marcamos" e salientou que o campus de Ourense "está cada vez máis reforzado con titulacións de moitísimo futuro. "Vai ser un campus cun desenvolvemento espectacular que vai a axudar a que a provincia e a cidade de Ourense teñan un pulo económico moi potente", afirmou. O responsable académico agradeceu o apoio do presidente da Deputación de Ourense "ao noso plan estratéxico, que vai marcar o futuro do desenvolvemento do campus" e tamén "á colaboración que presta sempre para o desenvolvemento do campus, das nosas instalación e das nosas titulacións". "Neste momento temos compartida esta ledicia polo acordo que acadamos entre as tres universidades e a consallería para a impartición en Ourense do grao e mestrado en Intelixencia Artificial, pois isto vai a fortalecer moito máis ao campus e á industria da provincia de Ourense", dixo Reigosa.

Pola súa banda, Manuel Baltar apuntou como o convenio de colaboración entre a Deputación e a UVigo é “unha colaboración viva que mantemos todos estes anos”. Destacando o empuxe do campus de Ourense, o presidente do órgano provincial cualificou "de gran nova” que Ourense acolla a implantación do grao e mestrado en Intelixencia Artificial. “Iso é equilibrio territorial, pero tamén é responder a un campus que está máis vivo que ningún outro, de tal xeito que dos sete galegos é o que experimenta as mellores cifras de crecemento e tamén di moito da calidade, neste caso, da Escola Superior de Enxeñería Informática. Desde a Deputación de Ourense, como administración impulsora do campus, estamos moi satisfeitos", afirmou. Manuel Baltar tamén quixo felicitar ao reitor e ao seu equipo polo novo plan estratéxico da institución académica.

Visita ao Concello

O reitor, acompañado por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da UVigo, tamén se reuniu posteriormente con Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, abordando, entre outras cuestións aspectos relacionados cos espazos que para poder medrar precisa o campus de Ourense ante a ampliación de prazas de titulacións existentes e a chegada de novos estudos, como o grao e mestrado en Intelixencia Artificial. Neste senso, o Concello de Ourense indicou que “buscará sinerxías, tanto colaborando coa Universidade a través do Centro de Intelixencia Artificial como contribuíndo na procura de terreos para facilitar o crecemento do campus, para facer futuros edificios”. Gonzalo Jácome manifestou a súa intención de “manter un campus forte en Ourense, porque iso fortalece á cidade, é vital”. Para o alcalde, apostar polo crecemento da Universidade é “unha situación de win-win, onde todos gañamos”. Neste senso compartiu co reitor da UVigo a satisfacción polo acordo para impartir Intelixencia Artificial no campus de Ourense.