DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ETSEI celebra as “vodas de prata” da especialidade en Organización Industrial

25 anos formando enxeñeiros “capaces, traballadores e versátiles”

O conselleiro de Educación refírese á titulación como “mostra de eficiencia e garantía de porvir”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 26/11/2010

Inditex, PSA Peugeot Citroën, Povisa, Castrosúa, Caramelo, Stream Global Services… os preto de 1500 enxeñeiros en Organización Industrial que saíron das aulas da ETS de Enxeñeiros Industriais nos últimos 25 anos son hoxe directivos en empresas de renome galegas, nacionais e tamén internacionais. Para celebrar este 25 aniversario da titulación organizouse un completo programa de actividades que se iniciou no mes de abril e que culminou este venres cunha celebración na que alumnos, hoxe profesionais, docentes e empresarios celebraron por todo o alto “o éxito dunha formación multidisciplinar dirixida a formar profesionais capaces, traballadores e versátiles; persoas con iniciativa e compromiso”, tal como subliñou no encontro o catedrático José Carlos Prado, coordinador do programa 25 anos de Organización Industrial.

Xunto a Prado, alumno da primeira promoción da ETSEI, celebraron tamén a data o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, compañeiro de departamento de Prado, “aínda que agora o meu labor estea noutro lugar”, subliñou, e outros dous compañeiros, José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, “pero sobre todo, enxeñeiro desta casa” e o director do centro, Luis González Piñeiro, que foi o encargado de lembrar os inicios dunha titulación, “aló polo ano 1982 que, sen dúbida, contribuíu enormemente ao desenvolvemento económico e social de Galicia”.

A especialidade máis demandada, entre o alumnado e no mercado laboral

“Mostra eficaz de eficiencia e garantía de porvir”, como subliñou o conselleiro de Educación, Organización Industrial segue a ser 25 anos despois a especialidade de Enxeñaría Industrial con maior demanda en Galicia, tanto por parte do alumnado como do mercado laboral, unha circunstancia que non pasa desapercibida para os alumnos e alumnas aos que apenas lle quedan unhas materias para titularse. “Pese á dura crise económica somos optimistas co noso futuro profesional”, subliñou Ana Piñeiro, estudante de quinto curso, unha opinión que comparte co seu compañeiro Brais Duque, quen subliña que “aínda que as perspectivas non son tan boas coma hai un par de anos recibimos unha formación moi polivalente e estamos moi ben preparados, polo que agardamos facernos un oco no mercado laboral”.

Xunto ás ilusións das “novas promesas”, o acto contou tamén coa participación de antigos alumnos que aproveitaron esta ocasión “para volver a escola na que nos formamos e na que recibimos unha formación de base polivalente que nos permitiu adaptarnos a circunstancias profesionais moi distintas”, subliñou José Antonio Freire, director de calidade do grupo PSA e alumno da segunda promoción da especialidade. Unha opinión que compartiu co conselleiro delegado de Povisa, José Silveira, que admitiu estar moi satisfeito con “volver de novo as aulas nas que me formei”, se ben, “non era consciente do enorme cambio transformador que experimentou o campus”. Xunto a eles, o director xeral de Castrosúa, José Manuel González; o director xeral de Caramelo, Carlos Fernández-Couto; o vicepresidente rexional de Stream Global Services, José Luis Caaveiro e, aínda que neste caso a través dun vídeo, a directora xeral de Loxística de Inditex, Lorena Alba, todos ex-alumnos e hoxe directivos que quixeron compartir con antigos compañeiros e “futuros colegas” as súas particulares vivencias.

Demanda de mestrado propio

Con titulados capacitados para xestionar problemas complexos, propios de calquera organización que integre recursos físicos, financeiros, tecnolóxicos e humanos, o principal reto ao que se enfronta a titulación, que este ano estrea grado, é, segundo subliñou o coordinador José Carlos Prado, a consecución dun mestrado propio, “algo que sería doado”, apuntou, “xa que temos á nosa disposición tanto as infraestruturas coma o persoal especializado que se precisa”.

Debido á súa formación multidisciplinar os enxeñeiros en Organización Industrial poden exercer a súa profesión en calquera campo da enxeñaría en empresas, tanto industriais como de servizos. A súa versatilidade permítelle o acceso, entre outros, a postos de responsabilidade nas áreas de produción, loxística, control e xestión financieira, marketing ou comercial, chegando a ocupar tanto cargos directivos como a propia xerencia. “Estamos ante un centro que constitúe o paradigma da excelencia”, subliñou o conselleiro, que tampouco dubidou en referirse á escola coma un auténtico “viveiro de iniciativas”, un aspecto no que coincidiu con José Antonio Vilán, que subliñou a forte implicación da Universidade co tecido empresarial e industrial e lembrou a recente implantación do novo grado “do que xurdirán novas iniciativas que conformarán as pautas para as empresas do futuro”.