DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 14 ao 17 de setembro

250 investigadores daranse cita no campus na IX Reunión Nacional de Óptica

O congreso contará coa participación do Premio Nobel William D. Philips

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 11/09/2009

250 investigadores nacionais e internacionais do sector da fotónica e as tecnoloxías do láser achegaranse a semana próxima ata Ourense para participar na IX Reunión Nacional de Óptica (RNO) que se celebrará no campus do 14 ao 17 de setembro. Entre os asistentes destacan William D. Philips, galardoado co Premio Nobel de Física no ano 1997 polos seus experimentos sobre arrefriamento de átomos con láser, e J. Ignacio Cirac, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2006 e coñecido internacionalmente polas súas teorías sobre computación cuántica.
A RNO é “o congreso nacional máis relevante sobre investigación no que se refire ás tecnoloxías relacionadas coa luz e a óptica”, indicou Humberto Michinel, presidente do comité organizador da reunión. Investigadores do máis elevado nivel trasladaranse ata o campus para expoñer os últimos resultados dos seus traballos, obtidos en especialidades como “a optoelectrónica, óptica cuántica, ciencias da visión, fotónica, tecnoloxías do láser ou materiais e comunicacións ópticas”. Michinel afirmou que “se observa un crecemento espectacular respecto da anterior edición celebrada hai tres anos”. O organizador da reunión destacou tamén “o elevado nivel das investigacións presentadas”.
A pesar de que a organización dun evento destas características supón un duro traballo de coordinación e moito tempo, Michinel atópase moi satisfeito, “é unha honra e un recoñecemento que esta reunión se celebre no campus” e agarda que todo saia segundo o previsto.

Últimas novidades en óptica

A RNO dará comezo o luns 14 co relatorio do Premio Nobel William D. Phillips que falará sobre condensación de Bose-Einstein que “consiste en atrapar e arrefriar átomos con láser”. Precisamente, sobre este tema está a traballar o grupo de investigación no que participa Michinel e que pretende facer o primeiro experimento dese tipo en España. Phillips será presentado polo Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, J. Ignacio Cirac, actual director do Instituto Max Planck de Óptica Cuántica en Garching, Alemaña.
Destaca ademais, nestes catro días de relatorios, a comunicación que realizará o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial (INTA) na que darán a coñecer os primeiros resultados sobre a recuperación de datos do telescopio solar SUNRISES, “un traballo de sete anos que realizaron en colaboración coa NASA e a Axencia Espacial Europea”, precisou Michinel. O congreso tamén contará coa participación da a presidenta da Comisión Internacional de Óptica, María Luisa Calvo.
Previamente á reunión, o domingo 13, terá lugar no Edificio Politécnico a presentación do libro de resumos do congreso. O acto contará tamén coa actuación da Real Banda de Gaitas.