DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo da asociación de cineastas Cima, presentado en CCSS e da Comunicación

Só o 26% das mulleres exercen como directoras no audiovisual galego, pese a representar o 55% dos papeis protagonistas

A Cátedra de Feminismos 4.0 impulsou a realización de tres vídeos que difunden as súas conclusións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/11/2022

A pesar de que máis do 55% dos papeis protagonistas no audiovisual galego son interpretados por mulleres, estas só exercen como directoras do 26% das producións. Esta é unha das principais conclusións do estudo A representatividade e re-presentación das mulleres no audiovisual galego, da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (Cima), recollidas nunha serie de tres vídeos realizada co apoio da Cátedra de Feminismos 4.0, que impulsan a Deputación de Pontevedra e Universidade de Vigo. Dirixidos a dar visibilidade ás principais conclusións dun estudo que analizaba as longametraxes, series e webseries galegas estreadas en 2020, estes vídeos foron presentados na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación pola coordinadora do estudo, Mariana Carballal, e a responsable da súa unidade didáctica, Amada Traba, nun acto que abriron as intervencións do reitor, Manuel Reigosa; da decana, Emma Torres; da deputada provincial Ana Laura Iglesias e da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez.

Da súa representación na industria a como son representadas

A actriz e profesora desta facultade Mariana Carballal e a socióloga e profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Amada Traba presentaron nesta xornada tres vídeos que ilustran con datos algunhas das principais conclusións do estudo. Entre elas, a de que “os homes seguen contando un abano moitísimo máis amplo de oportunidades” nesta industria, xa que “as mulleres están nas partes baixas da pirámide laboral mentres eles ocupan os postos de dirección”, como explica Carballal. Neste punto, o estudo sinala que as mulleres exerceron como directoras só no 26,3% das producións analizadas, porcentaxe que descende ao 21,1% no caso da dirección de fotografía. Esta realidade contrasta co feito de que o 55,6% dos papeis protagonistas correspondían a mulleres, mais só o 38,7% dos papeis secundarios, o que leva a deducir, como sinalou Carballal, “que os elencos seguen estando maioritariamente conformados por homes e isto tamén ten consecuencias na contratación”. 

Outro dos vídeos céntrase nunha análise realizada co obxectivo de coñecer “se tamén o plano ten perspectiva de xénero”, e que levou a detectar, como explica Carballal, como nunhas “porcentaxes altísimas”, do 88,7% e do 80,2%, respectivamente, as mulleres reaccionan de costas ou de perfil “ás respostas frontais dos seus compañeiros protagonistas”, asociándose estes planos frontais ás ideas de “valentía e afouteza”.

Ademais, nun dos vídeos desta serie incídese nunha das novidades deste estudo, o desenvolvemento dunha guía didáctica dirixida ao alumnado tanto universitario como de formación profesional do eido do audiovisual. A súa coordinadora, Amada Traba, explicou que nesta proposta didáctica as conclusións do estudo preséntanse “en forma de actividades”, co obxectivo que o alumnado poida “ir apreciando as distintas fendas, desigualdades ou estereotipos", contribuíndo así a que “aprendan a ver e crear con perspectiva inclusiva”.  

O audiovisual como un “campo de batalla” na loita pola igualdade

Na apertura deste acto, Reigosa subliñou a “aposta decidida pola igualdade” da Universidade de Vigo e o apoio neste eido da Deputación, á vez que incidiu na importancia de estudos como este que achegan datos que contribúen "á ánalise dunha realidade que é inxusta a todas luces". Previamente, Emma Torres puxo o foco en que iniciativas como esta “serven para visualizar o traballo que nos queda por facer”, no referido á inserción no sector profesional do alumnado, “con maioría feminina”, de Comunicación Audiovisual, xa que a día de hoxe as mulleres representan o 40% dos profesionais da industria, “pero están nos postos base”, o que levouna a incidir na importancia de que as futuras profesionais ocupen postos de dirección, dirección de arte ou produción. Do mesmo xeito, tanto Torres como Gómez subliñaron a importancia de que os produtos audiovisuais incorporen a perspectiva de xénero e as visións e discursos das mulleres. “Os produtos culturais son axentes de socialización ás veces máis potentes que a escola”, subliñou a directora da Unidade de Igualdade.

Nese senso, Deputación e Universidade impulsaron a Cátedra de Feminismos 4.0 co obxectivo de promover a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das sociedades da información, como lembrou Ana Laura Iglesias. En concreto, a cátedra pon o foco na promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEM, onde as mulleres están infrarrepresentadas, lembrou a deputada provincial, que sinalou o audiovisual como “un campo de batalla máis no que se debe lograr consolidar a igualdade plena e efectiva”.