DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A organización destaca o éxito de participación

300 deportistas correrán na XI edición do Trofeo Universidade de Vigo de Orientación

A proba é puntuable para a Liga Galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 18/04/2012
Con preto de 300 matriculados e rompendo as expectativas de participación dos organizadores, o XI Trofeo Universidade de Vigo de Orientación deixa a Serra do Galiñeiro para converter ao campus vigués en testemuña das habilidades deportivas dos participantes por primeira vez. Deste xeito “dende a Universidade seguimos apostando por este deporte, do que nos consideramos pioneiros en Galicia” indica José Luís Armada, responsable do equipo de orientación da Universidade. A carreira é puntuable na Liga Galega de Orientación, baixo a coordinación do Clube Universidade de Vigo e en colaboración coa Asociación Galega de Clubes de Orientación.

Nesta ocasión “os corredores, tanto federados coma non federados, participarán nalgunha das 24 categorías definidas, saíndo as 10.30 horas da área comercial do campus e realizando algún dos dez percorridos marcados por diferentes zonas do plano”, indica José Luís Armada. Os participantes tan só contarán cun mapa e un compás para orientarse polas áreas definidas, que mesturan zonas despexadas e semipoboadas con zonas máis urbanas e estradas. A boa visibilidade e a limpeza do terreo facilitarán as velocidades altas, que contrarrestan a dificultade técnica da interpretación dos mapas e o esforzo físico que implican as pendentes variables.

Unha aposta por un deporte pouco recoñecido

“A Universidade de Vigo foi pioneira no apoio a este deporte, que comezou a terse en conta na década de 1990 con tan só catro clubes en toda Galicia” indica Armada. Aínda que nos seus inicios a participación foi escasa, “confiamos na creación dun equipo propio no ano 2001 e, nese mesmo ano, comezamos a acoller esta proba para a Liga Galega que hoxe chega a súa onceava edición”, aclara o responsable do equipo vigués. Sinala que é moi importante seguir confiando na mellora da actividade, pensando sempre nos participantes “por iso desta volta pasamos a ter dez percorridos alternativos e seguimos empregando a tarxeta SportIdent para identificar os movementos de cada participante, as horas de paso polos puntos de control definidos e coñecer a súa posición en cada momento”.

Prazos e prezos

As inscricións terán que realizarse a través da páxina web da Agaco, na que cada usuario deberá rexistrarse para inscribirse na proba, ingresando a cantidade correspondente en NovaGalicia Banco: 3€ para os federados FEDO, 5€ para a iniciación curta, 6€ para a iniciación longa e 8€ para os non federados en percorrido oficial. Os membros da comunidade universitaria poderán participar de forma gratuíta.

Ademais, aqueles usuarios que non teñan a tarxeta SportIdent terán que aboar 3€ para o seu aluguer, así coma unha fianza de 30€ que será devolta ao final do día sempre que o dispositivo esté en perfectas condicións.