DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Proxecto Ronsel publica un libro sobre "Técnicas artesanais tradicionais"

300 páxinas para coñecer a matachíns, afiadores, oleiros e xastres

A obra está editada en formato tetralingüe e conta co apoio das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Ourense
Raquel Feijóo DUVI 16/07/2010

Durante moito tempo o traballo artesanal era o único que podía abastecer á poboación dos obxectos necesarios como xerras, cestos, cubas, caldeiros e fouces, entre outros. Naqueles tempos era habitual que os artesáns compaxinaran estes oficios coa realización de tarefas no campo ou no mar. Fátima Braña, profesora de Antropoloxía Social e Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo, afirma que na actualidade aínda hai moitos artesáns que seguen a utilizar as mesmas materias e procesos aínda que van engadindo outros novos aos xa existentes. A investigadora explica que “contamos cun tecido artesanal completo e de moita calidade” ao tempo que emprega a palabra transformación para falar da evolución destes oficios ao longo do tempo. “Máis que de perdas, neste ámbito convén falar máis de transformacións. As circunstancias cambian, o noso agro está transformado e a nosa pesca tamén e isto fai que o coñecemento e as formas e materiais se adapten ás novas circunstancias”, declara.

A obra Técnicas Artesanais Tradicionais agocha no seu interior unha mostra representativa destes oficios baixo a dirección dos profesores da Universidade de Vigo, José Antonio Fidalgo Santamariña e Fátima Braña e ao abeiro dunha iniciativa impulsada polo Proxecto Ronsel coa colaboración das tres universidades galegas. O libro está editado en formato tetralingüe por Difusora de Letras, Artes e Ideas co obxectivo de facer unha mostra representativa dos oficios tanto de interior como de costa, asociados aos homes e ás mulleres, urbanos e rurais, ambulantes e sedentarios.

Traballando con madeira, pedra, coiro e metais

O libro baséase nunha división dos oficios segundo as materias que utilizan os artesáns para desenvolver os seus respectivos traballos (a madeira no caso dos carpinteiros e a terra no dos oleiros, por exemplo). O resultado é unha amalgama de tradicións que comeza cos serrachíns e que estuda a figura de canteiros, oleiros, ferradores e matachíns e incluso daqueles artesáns que desenvolvían outros oficios e actividades tradicionais como as sabias e menciñeiros, os compoñedores, os fogueteiros e os reloxeiros.

Para levar adiante este traballo os directores da publicación fixeron unha investigación de campo que se pode apreciar sobre todo no vocabulario utilizado, “que é rico en variedades á hora de nomear procesos de traballo e de instrumentos variados”, segundo explica a profesora Braña. Os investigadores completaron a obra coa revisión bibliográfica máis recente do tema, nunha metodoloxía de traballo que lles permite presentar “unha pequena síntese orixinal e actualizada dos oficios tratados que incide tamén nas distintas variables relacionadas cos oficios e técnicas artesanais tradicionais”, declara.

Cada oficio dos recollidos no libro conta cun texto descritivo do mesmo así como con fotografías ilustrativas, un deseño que está na liña xeral da publicación de difundir o noso patrimonio cultural inmaterial. Nas palabras da profesora Braña, “con esta obra queremos contribuír a apreciar o noso, a nosa forma de facer e de ver a contorna e amosar a beleza e o traballo de moitos homes e mulleres que hoxe traballan recollendo esa tradición e engadindo novas formas e recursos aos xa existentes”, explica.

Unha obra destinada ao público en xeral

Polo que respecta aos destinatarios da obra, Fátima Braña asegura que “estamos ante un libro que é para o público en xeral porque calquera persoa pode atopar nel datos de interese. Os investigadores e os estudantes valorarán cuestións como a linguaxe e a descrición dos procesos, por exemplo, pero é tamén unha obra de divulgación que ten unha lectura e consulta fácil”, asegura.

Aínda que hai algúns oficios que xa non existen como tal, como os arrieiros –aínda que hai outros que transportan mercadorías e as venden nos seus percorridos-, a profesora Braña asegura que, na actualidade, a aplicación de técnicas artesanais tradicionais á produción de obxectos diversos segue a ser un medio de vida para moitas persoas. Nesta contorna subliña o traballo desenvolvido polas atadeiras ou redeiras pola complexidade do cosido de redes, “un oficio que, a pesares das transformacións, segue vixente, segue a ser necesario e é dunha gran dureza”, explica.

A publicación do libro entra de cheo nun dos obxectivos fundamentais do Proxecto Ronsel como é o de divulgar o noso patrimonio cultural. Segundo a profesora Braña, “para conservar e difundir primeiro hai que coñecer e por iso comezamos sempre por inventariar e investigar o noso patrimonio cultural”, declara.