DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase este sábado en Ourense

Unhas 300 persoas participarán no I Encontro de Programas Universitarios para Maiores

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI DUVI 07/11/2007

Afondar na formación dos maiores e crear un punto de encontro e de relación desta parte da comunidade universitaria, é o dobre obxectivo co neste sábado, 10 de novembro, se celebra en Ourense o I Encontro de Programa Universitario para Maiores.
Organizado polas tres universidades galegas en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia, no encontro tomarán parte entre alumnos, docentes e xestores, preto de trescentas persoas, una cifra que segundo afirma Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, “alcanza amplamente o horizonte marcado, xa que é unha porcentaxe moi representativa do que son os programas de formación para maiores”.
O encontro que tamén podería ser un punto de partida cara á creación dunha federación galega de asociación de estudantes, permitirá aos participantes afondar no presente, pero sobre todo no futuro dos programas para maiores.
E é que segundo Pedro Membiela “trátase dunha iniciativa interesante, que está a ter moi boa resposta o que fai prever que seguirá medrando de forma sostida”. O vicerreitor de Formación e Innovación Educativa considera que no futuro “non haberá grandes cambios xa que o camiño é o correcto”, asegura que as universidades españolas, e moi especialmente as galegas, son “pioneiras neste tipo de programas que son moi complicados de ver noutros sitios”.

Programa

O encontro que se celebrará na Aula Magna da Facultade Ciencias da Educación comezará ás 10:30 horas coa recollida da documentación. Ramón Villares será o encargado do relatorio inaugural que leva por título “Emigración e identidade”, xa ás 13:00 horas, celebrarase a asemblea das Asociacións de Estudantes de todos os campus. Xa polo serán, logo dun xantar de confraternidade, os participantes asistirán a unha visita cultural e a unha presentación de comunicacións ata as 18:00 horas, momento do último acto, a mesa redonda sobre os programas universitarios para persoas maiores.