DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As dúas cidades acollerán o vindeiro 9 de xuño a ‘IV Marcha Solidaria contra a Leucemia’

33 quilómetros de solidariedade que unirán Vigo e Pontevedra

A iniciativa está impulsada por un egresado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Iolanda Fernández DUVI 27/05/2013

O 12 de xuño de 2009, coincidindo co aniversario do seu irmán maior, falecido catro anos antes a causa dunha leucemia linfoblástica aguda, David Gil emprendía unha viaxe solidaria por toda Galicia. O licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola Universidade de Vigo percorría os 500 quilómetros que separan as principais cidades do país co obxectivo de concienciar á sociedade da necesidade de doar medula ósea. O vindeiro domingo 9 de xuño, Gil volverá a repetir unha parte desta andaina na IV Marcha Solidaria contra a Leucemia que el mesmo promove en colaboración co Club Metropolitan de Vigo e na que se percorrerán camiñando, correndo ou en bicicleta os 33 quilómetros que separan as cidades de Vigo e Pontevedra.

“Informar á sociedade sobre a importancia de doar medula ósea para que os enfermos de leucemia, linfomas e demais enfermidades do sangue teñan polo menos unha posibilidade de recuperarse deste tipo de cancro foi dende o comezo unha das nosas máximas” asegura Gil referíndose tamén ao seu irmán. “Cantas máis persoas formemos parte dese rexistro universal, maiores serán as posibilidades de que un enfermo poida atopar un doante compatible”, destaca. A totalidade das persoas que teñen participado activamente nas últimas edicións desta marcha, de xeito totalmente voluntario e altruísta, “entenden que poden salvar unha vida cun pequeno xesto coma este, os quilómetros quedan en segundo plano”.

O deporte como canle de comunicación

Os interesados ou interesadas en participar nesta marcha terán de prazo ata o mesmo sábado 9 de xuño para inscribirse na sede do Club Metropolitan de Vigo situado no Centro Comercial Laxe. As doazóns realizadas por cada un dos participantes serán destinadas, coma cada ano, á Fundación Josep Carreras contra a leucemia. Este centro comercial vigués será o punto de partida dunha marcha solidaria que une a cidade olívica coa do Lérez e que dará comezo ás 09.00 horas no caso das persoas que decidan realizar o traxecto a pé e ás 10.30 horas no suposto de que se percorran eses 33 quilómetros correndo ou ben en bicicleta. A praza da Peregrina será o punto de encontro final entre os participantes á súa chegada a Pontevedra.

O ano pasado, esta marcha contou co seguimento de preto de 80 persoas e, nesta última edición, Gil pretende chegar ata os 100 participantes destacando que esta iniciativa está aberta a toda a sociedade. Os requisitos para unirse á andaina, segundo informou o propio organizador, pasan simplemente por levar roupa axeitada e calzado cómodo. Ademais dun bo número de persoas anónimas, dende a súa primeira edición, numerosos deportistas recoñecidos se uniron a este proxecto como é o caso do ex xogador do Real Club Celta de Vigo Gustavo López que participa nesta iniciativa dende a súa primeira edición. Tamén dende a súa orixe participan na carreira persoas con algún tipo de discapacidade física ou psíquica, destaca o licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Presenza nas redes sociais

A raíz da primeira marcha individual realizada en 2009 por David Gil naceu nas redes sociais, concretamente en Facebook, un movemento social denominado 700 Camisetas contra a leucemia que a día de hoxe conta con máis de 14.400 seguidores en todo o mundo.“Ter presenza nesta rede social é para nós o xeito de informar á sociedade sobre a necesidade de que aparezan máis rexistros e, deste modo, poder salvar vidas”, asegura. A orixe deste perfil aparece vinculada ás andainas que o licenciado pola Universidade de Vigo realizou por aquel entón unindo as principais cidades de Galicia. En cada unha destas urbes, concretamente nos seus hospitais, Gil foi deixando un bo número de camisetas ata chegar ás 700 unidades para seren entregadas a aquelas persoas que asistisen ao centro para facerse doantes de medula ósea.

“As evidencias e os número dinnos que algunhas desas camisetas aínda seguen nos hospitais esperando a que aparezan persoas que, unha vez informadas, accedan a dar o paso de pasar a formar parte dese Rexistro Universal de Doantes de Medula Ósea. Máis alá das necesitadas doazóns de órganos e sangue, este tipo de doazón require unha consciente e plausible colaboración por parte de todos”.