DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado da Facultade de Ciencias da Educación celebra o seu acto de graduación

350 novos educadores para unha sociedade en transformación

Constitúen a última promoción de diplomados

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 03/06/2011
A promoción 2008/2011 da Facultade de Ciencias da Educación celebra este sábado o acto de graduación dos estudantes de Educación Primaria, Educación Especial, Educación Infantil, Educación Social, Linguas Estranxeiras e Psicopedagoxía. Son 350 novos educadores que se dispoñen a comezar a desenvolver a súa profesión nun contexto de crise económica pero tamén de transformación social. Un marco que supón todo un reto e que Mercedes Suárez, decana do centro, anima a afrontar con valentía e profesionalidade. Son tamén a última diplomatura tras a reforma da EEES.

O acto de graduación celebrarase o sábado, a partir das 18.00 h, no Auditorio Municipal, en dúas quendas, debido á elevada cifra de participantes. Serán 350 estudantes, 75 de Educación Infantil, 75 de Educación Primaria, 60 de Educación Especial, 50 de Educación Social, 40 de Linguas Estranxeiras e 50 de Psicopedagoxía, cuxa titulación se continuará impartindo dous anos máis como licenciatura de segundo ciclo. Con eles estarán numerosos amigos e familiares e tamén autoridades, como Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense.

A esta nova xeración de docentes, a súa decana pídelles que “estean orgullosos de ter estudado unha titulación pensada para facer mellor ás persoas” e que durante o seu desenvolvemento profesional como educadores teñan especial preocupación pola defensa do noso patrimonio cultural e pola atención aos colectivos máis desfavorecidos, como as persoas con discapacidade, inmigrantes e as vítimas da violencia de xénero.

Profesionalidade e valentía

“O importante non é chegar senón o camiño que se fai e eu espero que o destes novos educadores sexa moi longo en ledicias e coñecemento”, salienta Mercedes Suárez. No contexto de crise no que esta xeración comezará a exercer a súa profesión, a decana advirte de que “en momentos como o actual máis que nunca serán necesarios os traballadores do ámbito educativo e social”. Eles, destaca, enfrontaranse a unha situación na que por unha banda, e ante a falta de diñeiro, se están a reducir os servizos sociais e por outra a sociedade, afectada pola crise, precisa máis que nunca o apoio de profesionais da educación e do traballo social. Perante esta situación pídelles profesionalidade a valentía.

Como padriño de promoción foi escollido o actor galego Sergio Pazos. Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, salienta que a súa elección débese a tres motivos principais. Un motivo operativo, a súa excelente dispoñibilidade, outro temático, xa que Pazos estudou maxisterio, e un terceiro sentimental, pois este actor se criou na mesma casa que o fixo Adolfo Rodríguez Ansias, “quizais o educador máis perseguido polo réxime e que se pasou 28 anos escondido dos falanxistas”, destaca Cid.

Por último, a decana do centro tamén salienta que un acto de graduación “non é un acto de despedida” e animou aos novos egresados a continuar os seus estudos, que poden facelo na propia Facultade de Ciencias da Educación a través dalgún dos seus tres mestrados, como son Intervención multidisciplinar na diversidade en contextos educativos, Dificultades de aprendizaxe e procesos cognitivos e Investigación psicosocioeducativa con adolescentes en contextos escolares.

Ademais desta conmemoración, os estudantes de Traballo Social da Facultade de Ciencias da Educación celebrarán o seu acto de graduación o vindeiro 11 de xuño, tamén no Auditorio Municipal.