DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ábrese o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas do campus

38 opcións para gozar do deporte no tempo libre

Abranguen actividades que van desde o tenis e a natación ata os bailes de salón e o pilates

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 06/09/2011
Iníciase o curso académico e é tempo de organizar o que serán os vindeiros meses de traballo, pero tamén de ocio, dos membros da comunidade universitaria. O Servizo de Deportes da Universidade de Vigo ofrécelles no campus de Ourense un amplo abano de Escolas Deportivas nas que gozar do tempo libre de xeito saudable. En diferentes espazos da cidade, estudantado, PDI e PAS poderán inscribirse nalgún dos 38 cursos que se impartirán e que abranguen desde rugby e golf ata ioga e danza oriental.

“O obxectivo das escolas é ofrecer á comunidade universitaria unha opción de ocio e deporte para os seu tempo libre e que se adapte aos seus gustos e horarios, polo que deseñamos unha programación moi diversa”, salienta Rodrigo Pivida, técnico do Servizo de Deportes do campus de Ourense. Segundo explica, cada curso arredor de 300/400 persoas participan nas Escolas Deportivas, que este ano abranguen 38 modalidades que se impartirán nas instalacións do Servizo de Deportes, na piscina universitaria, no Pavillón dos Remedios e nos centros privados de Aqua-Sport Zone, Camino Pilates, Golf Pazo da Touza, La Casa del Elefante, Sabrosura, Saraiba, Ximnasio 2000, Ximnasio Dinamic Center e Ximnasio Marbel.

Como exemplo das actividades que se levarán a cabo nos diferentes espazos, Pivida salienta que nas instalacións do Servizo de Deportes se ofertan cursos de abdominais, aero-jump, boot camp, defensa persoal-artes marciais mixtas, power dundell, rugby, tenis, tenis para nenos, voleibol e xadrez. Ademais de consolidar as actividades organizadas nestas instalacións propias, o obxectivo dos organizadores desta iniciativa é consolidar este ano as escolas que se ofrecen desde o curso pasado na piscina universitaria.

Prezos para todos os petos

Cada unha das escolas ten as súas propias características de duración, horas, prezo e número de créditos que se poden conseguir pola súa realización. De xeito xeral, a maioría delas consisten nunha hora de actividade dous días á semana, con prezos que oscilan desde os 10 euros ata os 130 euros. Con esta ampla oferta en modalidades, prezos e horarios, desde o Servizo de Deportes agardan incrementar este curso o número de participantes con respecto ao pasado ano. Tamén confían en que se diversifique o perfil de usuario, maioritariamente feminino, e no caso das actividades de relaxación preferentemente docentes, investigadores e persoal de administración.

O primeiro prazo para matricularse nas Escolas Universitarias ourensás está aberto do 5 ao 28 de setembro, comezando a actividade o vindeiro 5 de outubro. Os interesados en inscribirse teñen á súa disposición toda a información necesaria na web do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, en http://deportes.uvigo.es.