DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolle unha mostra que repasa o traballo desta organi

40 anos de acción humanitaria en 30 imaxes de Médicos Sen Fronteiras

A iniciativa abre unha ventá aos conflitos de Afganistán e Palestina ou á fame en Somalia

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 27/04/2012

Unha imaxe vale máis que mil palabras e no caso da acción humanitaria as fotografías reflicten mellor que calquera outro soporte o drama vivido por persoas e comunidades. Na entrada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense a exposición fotográfica de Médicos Sen Fronteiras 40 Anos de Acción Humanitaria Independente abre estes días unha fiestra á historia desta entidade pero tamén aos principais conflitos que ten vivido o planeta nas últimas décadas e á dor que desencadearon nas persoas que os padeceron.

A exposición, explica Elena Gallego, vicedecana da facultade, “consta de 30 fotografías que abranguen a historia da organización medico-humanitaria así como os principios que guiaron o seu traballo durante as últimas décadas”. Para facelo recompila en imaxes algúns dos principais contextos nos que interveu prestando asistencia nos cinco continentes a poboacións en situación precaria e vítimas de conflitos armados, desprazamentos forzados, enfermidades endémicas e epidémicas, catástrofes naturais, violencia social e exclusión da atención sanitaria.

Fotógrafos de prestixio

Deste xeito, “a exposición abre unha ventá aos conflitos de Afganistán, Líbano, Territorios Palestinos, Iraq, Colombia, Bosnia, Chechenia, Somalia, Darfur ou República Democrática do Congo. Tamén nos achega ao xenocidio de Ruanda, ás fames de Etiopía e Angola, ao terremoto e posterior epidemia de cólera de Haití, ao furacán Mitch en Centroamérica, ao tsunami do sueste asiático e ás crises relacionadas con pandemias, brotes epidémicos e enfermidades esquecidas, como o VIH, a febre hemorráxica Marburg, a meninxite ou o mal de Chagas”, explica a entidade organizadora.

As imaxes expostas son obra de prestixiosos fotógrafos e axencias internacionais que ao longo das catro décadas recolleron cos seus obxectivos o traballo desta organización. É o caso dos fotógrafos Sebastião Salgado, Juan Carlos Tomasi, Bruno Stevens, Bruno Barbey, Olivier Jobard, Roger Job, Eric Bouvet e John Stanmeyer e as axencias Gamma, Magnum, Cosmos, Moment, Sipa Press e VII, “que contribuíron co seu traballo a loitar contra o esquecemento político e mediático que leva cobrándose décadas un alto prezo en vidas humanas e sufrimento en todo o mundo”, explica Médicos Sen Fronteiras.

Exposición, proxección e conferencia

Alén desta exposición, o pasado 24 de abril e no marco da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, o campus de Ourense acolleu a proxección do documental MSF (Un) Limited, unha peza que fai un repaso pola da historia desta organización desde o seu nacemento en 1971 da man dun grupo de médicos e xornalistas que defendían unha acción médica independente de intereses políticos ou económicos, que acudise alí onde a emerxencia o requirise para prestar asistencia e testemuño. Para completar esta programación relacionada con Médicos Sen Fronterias, o luns día 30 de abril, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acollerá, ás 12.00 h, unha conferencia da responsable de Recursos Humanos da organización, Silvia Moriana.