DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso internacional na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

400 profesionais de España e Latinoamérica elixen Vigo para pórse ao día en docencia universitaria

As múltiples posibilidades que traen consigo as novas tecnoloxías centraron o relatorio inaugural

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 20/06/2013

411 profesoras e profesores universitarios chegados de toda a xeografía española, Portugal e Latinoamérica, sobre todo Brasil e Arxentina, participan esta semana en Vigo no III Congreso Internacional de Docencia Universitaria, III CIDU 2013, un punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre profesorado de diferentes disciplinas e todas aquelas persoas que , por un ou outro motivo, estean interesadas na docencia universitaria. “Trátase de axudar a pensar sobre o camiño percorrido, reflexionar sobre as dificultades e logros conseguidos e mellorar a práctica”, subliñou intres antes da inauguración Pedro Membiela, un dos profesores encargados da organización dun encontro “que acada xa a súa terceira edición”.

Convencidos de que é posible botar unha ollada á docencia universitaria do futuro “desde o presente”, e conscientes de que, “pese a todo o ambiente de crise no que vivimos” estanse facendo moitas cousas e “moitas, moi positivas”, o encontro inaugurouse esta tarde coa participación do vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel J. Fernández Iglesias; o tenente de alcalde de Vigo, Carlos López Font; o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Santiago Gómez Fraiz, e o propio Pedro Membiela, en representación do comité organizador.

Novos tempos, novos retos

Xestión da información, internacionalización das ensinanzas e introdución dun sen fin de avances tecnolóxicos son tres dos grandes retos aos que se enfronta a ensinanza universitaria na actualidade e así o transmitiu na súa intervención o vicerreitor Manuel J. Fernández Iglesias, que aproveitou a súa presenza no acto para pór en coñecemento dos presentes “unha extraordinaria noticia para a Universidade de Vigo”, en referencia a que a Universidade viguesa acaba de ser incluída no ránking das 100 mellores universidades do mundo de menos de 50 anos “e unha das razóns polas que estamos aí é por tomar en serio a docencia universitaria”, subliñoulles, ao tempo que recalcou que se trata dun novo dato que “nos anima a ser optimistas”.

Tras a inauguración, poucos intres tardaron os asistentes en pórse mans á obra. Fixérono da man do catedrático de orixe galego, Manuel Area, director do Laboratorio de Educación e Novas Tecnoloxías da Universidad de La Laguna, que centrou a súa intervención nos diferentes enfoques da ensinanza que se abren paso grazas ás novas contornas virtuais de aprendizaxe.

Tres días de intensa actividade coa vista fixada en mellorar a calidade do ensino

Cun programa moi aberto, “porque nos parece que todo o que teña que ver coa docencia universitaria é moi interesante e non convén pecharlle a porta a ninguna temática”, a actividade bule en cada recuncho da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, onde se está a desenvolver o encontro. Tras a inauguración, que tivo lugar no salón de actos, os participantes dividíronse entre as nove aulas nas que, de xeito simultáneo, se van presentando os diferentes traballos e un corredor ‘ateigado’ de comunicacións en formato póster nos que se detallan diferentes experiencias postas en marcha “coa vista fixada na mellora da calidade do ensino e da aprendizaxe”, subliñou Membiela.

Nesta edición terá un peso especial o ámbito internacional, aspecto ao que se lle vai dedicar unha das mesas redondas. “Será un bo xeito de achegarnos ao que está a pasar máis alá das nosas fronteiras e ver o que podemos aprender deles”, indicaron dende a organización. A outra mesa redonda centrarase no que denominan “boas prácticas”, en referencia a todas aquelas actividades “máis exemplares e que convén destacar”, indicou Membiela, ao tempo que fixo fincapé en que “na docencia hai multitude de aspectos que funcionan moi ben pero que seguen sen ser suficientemente coñecidos”.

Xunto a estas mesas de debate, e a maiores da intervención do profesor Manuel Area hoxe xoves, os participantes poderán tamén escoitar mañá venres un relatorio da profesora da Universidade de Lisboa Manuela Esteves, que centrará a súa intervención no papel do docente universitario, un papel distinto ao de outro tipo de profesionais do ensino, “non só porque no seu labor combina a docencia coa investigación, algo que condiciona enormemente o seu día a día, senón tamén polo tipo de ‘auditorio’ ao que se dirixe, que busca un grao de profundidade moito maior ca noutros niveis de ensino”.