DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula para os tres campus está aberta dende hoxe luns ata o día 15 de outubro

41 actividades compoñen a oferta de lecer dos obradoiros culturais

Música, teatro, arte, danza, voluntariado, informática, audiovisual ou maxia vertebran o programa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 04/10/2010

A elección é ampla e variada para todos aqueles que busquen actividades complementarias e de lecer para o primeiro cuadrimestre. O prazo de matrícula ábrese hoxe luns para máis de 40 obradoiros que se desenvolverán nos tres campus da Universidade cunha oferta que contempla a posibilidade de formarse, tanto para a comunidade universitaria como para persoas alleas á Universidade, en campos como a música, danza, arte, cultura, voluntariado, medios audiovisuais, teatro ou informática.
As novidades neste comezo do curso 2010-2011 pasan por danza e poesía en Ourense, danza vivencial, iniciación á estética do cinema e ortofonía en Pontevedra e maxia e edición de vídeo doméstico no campus de Vigo.

Ourense potencia o teatro

O campus de Ourense conta coa oferta máis ampla de obradoiros para o primeiro cuadrimestre grazas á súa aposta polo teatro, con tres aulas de tres diferentes niveis e a aula de teatro do grupo Gepetto, destinada a nenos. “As aulas de teatro no campus ourensán funcionan con moito potencial”, explica o técnico de Actividades Culturais, Filemón Rivas, “e estes catro obradoiros son probablemente a estrela da oferta”. Ademais, durante os cursos o alumando preparará representacións para a Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu e para a Mostra de Teatro Infantil, Moti.

As novidades en Ourense son Danza, Poesía e Iniciación á curtametraxe. Rivas apunta que “de conseguir un grupo estable no obradoiro de danza, tentaremos que poidan representar tamén unha peza dentro da Miteu” e, sobre o de poesía, salienta que será impartido polo Circulo Poético Ourensán. A programación complétase co obradoiro de Gaita e pandeireta, Supervivencia, técnicas de escalada e rappel, Risoterapia, Linux, Protocolo social, Contacontos, Cultura exipcia e Prevención de riscos laborais.

Pontevedra, unha aposta polo audiovisual

Con titulacións como Belas Artes, Publicidade e RRPP e Comunicación Audiovisual no campus, os obradoiros relacionados cos medios audiovisuais son xa un clásico en Pontevedra, e un clásico infalible. Neste comezo de curso ofértanse varios talleres que se veñen repetindo nos últimos anos, como o de Son: gravación e posprodución, Efectos especiais para cine e TV, Efectos especiais de maquillaxe, modelado e moldes e Mirar/Escoitar: iniciación á estética do cinema. Este último é unha das tres novidades deste cuadrimestre, acompañado, como explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra, “por un de danza vivencial, unha mestura de baile, arte e deporte” e un obradoiro de voz, que axudará a coñecer cales son as causas que inciden nas alteración da voz e as técnicas precisas de hixiene vocal.

Os obradoiros de Pontevedra complétanse cos dous de teatro, o de Posta en escena dunha montaxe teatral e Introdución ao teatro, “que permitirá ao alumnado levar ás táboas unha peza durante a Miteu”. A oferta complétase co curso de nivel 1 de djembé, “que tivo moi boa acollida en edicións pasadas”, o de Prevención de riscos laborais, Arteterapia, para desenvolvera intelixencia emocional e o de Acción social e voluntariado: claves para a participación e implantación solidaria.

Vigo aposta por formar para promocionar

Segundo o técnico superior de Actividades Culturais do campus de Vigo, Alfonso Caride, a aposta dos obradoiros “é formar para promocionar”, é dicir, que o que o alumnado aprenda poida poñelo en práctica en diversas actividade postas en marcha pola Universidade.

Así, unha das novidades do curso, Iniciación á maxia, permitirá aprender xogos de maxia, matemática e física recreativa, trucos que poderán amosar “nunha gala que organizaremos ao remate do obradoiro”. O mesmo sucede con Iniciación ao teatro, curso que será impartido por Pepa Barreiro, de Teatro de Ningures, que xunto co obradoiro do segundo cuadrimestre, permitiralles poñer en escena unha obra dentro da programación da Miteu. A outra novidade en Vigo é o obradoiro de Iniciación á edición de vídeo doméstico, que conforma xunto co de OppenOffice avanzado: a suite ofimática do software libre en galego, “a aposta da Universidade polas ferramentas gratuítas de software libre nos seus cursos”. Este taller, xunto co de fotografía dixital, permitirá aos asistentes avanzar na elaboración de obras para os concursos de videocreación e fotografía organizados pola Universidade.

A oferta complétase dos dous niveis do curso de guitarra, o tradicional curso de Iniciación á Ópera, con retransmisións en directo dende o Liceo e o Teatro Real, o de Acción social e voluntariado, Prevención de Riscos Laborais, Iniciación e Modelado 3D e entornos virtuais, Pandeireta, canto e baile tradicional, e Ortofonía, coidados e hixiene da voz.

Prazos e prezos

O período de matrícula para os obradoiros permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro e o prezo será de 50€ para o público en xeral, cun desconto do 50% para os bolseiros da Universidade e do 25% para os membros da comunidade universitaria no campus de Pontevedra e de 40€ para o público xeral, 30€ para a comunidade universitaria e 20 para os bolseiros da Universidade nos campus de Vigo e Ourense.