DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñaría Forestal acolleu o acto de graduación desta promoción

43 fisioterapeutas listos para saír ao mundo real sen medo a nada

O auxiliar técnico de Servizos Xerais da Facultade de Fisioterapia, Francisco Javier Suárez Varela,

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 31/05/2013

Unha nova promoción de graduados en Fisioterapia celebrou este venres o seu acto de graduación na Escola de Enxeñaría Forestal. Os 43 alumnos e alumnas estiveron acompañados nun momento tan emotivo pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a decana da Facultade de Fisioterapia, Eva María Lantarón, e o padriño desta promoción, o auxiliar técnico de Servizos Xerais da Facultade de Fisioterapia, Francisco Javier Suárez Varela. En representación do estudantado subiron ao atril Sara Bouzas e Pedro Lourido.

Na súa intervención, a decana da Facultade de Fisioterapia, Eva María Lantarón, aproveitou para recordarlle ao alumnado que ela mesma estudou neste centro, cando aínda era unha escola universitaria, hai aproximadamente uns 15 anos. Do mesmo xeito, tamén recalcou que “ambas promocións compartimos unha excelente formación e unhas ganas incuestionables de loitar por esta profesión”. Logo disto, Lantarón lembroulles aos alumnos e alumnas que nos últimos catro anos melloraron non só as súas competencias profesionais senón tamén “tedes madurado, superado moitas dificultades e establecido relacións adultas que espero conservedes”. Para a decana os máis de corenta alumnos e alumnas que este venres se graduaron forman parte da historia da facultade e por iso “debedes levar o seu nome con orgullo sabendo que somos un referente a nivel nacional”.

Agradecementos ás familias e amigos

O momento máis emotivo do acto de graduación produciuse durante a intervención do padriño de honra, o auxiliar técnico de Servizos Xerais da Facultade de Fisoterapia, Francisco Javier Suárez Varela. “Sodes novos, intelixentes, estades ben preparados e formástesvos nesta facultade da Universidade de Vigo. Saíde aí fóra e non lle teñades medo a nada” salientou. Avanzar para acadar os seus soños e non caer no aburrimento son outras das súas recomendacións. Pola súa banda, os representantes do alumnado, Sara Bouzas e Pedro Lourido, dedicáronlle este momento tan sentido ás súas familias e amigos cun sonoro “grazas”. Tamén tiveron oportunidade de lembrar a todas as persoas que voluntariamente se puxeron nas súas mans para participar dalgún xeito na súa formación. “Para nós a clave do noso éxito está na humildade, no tesón e no esforzo diario”, concluíron.

Pola súa banda, a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, invitou á actual decana e ao seu equipo a seguir traballando nesta liña, “sen perder calidade e gañando en prestixio”. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén quixo estar presente neste día tan sinalado para os alumnos e alumnas de Fisioterapia e compartir con eles as súas vivencias como estudante de medicina na súa mocidade.