DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nace a Rede Iberoamericana para a Usabilidade de Repositorios Educativos (CYTED RIURE)

48 investigadores traballan para facilitarlle ao usuario o acceso a contidos educativos dixitais

O proxecto durará catro anos e contará con forte presenza do tecido empresarial, co que buscarán vía

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 25/06/2013

Acadar unha busca máis sinxela e intuitiva de contidos de ensinanza na rede. Ese é un dos obxectivos cos que nace ao abeiro do programa CYTED a Rede Iberoamericana para a Usabilidade de Repositorios Educativos (RIURE), un grupo formado por 48 tecnólogos e pedagogos de sete grupos de investigación e dúas empresas de España, Portugal, Brasil, Arxentina, Uruguay, Ecuador e Perú que crearán as ferramentas para facilitar a procura dos contidos educativos dixitais e o seu posterior uso na ensinanza primaria, secundaria ou universitaria. “Existen moitos repositorios no mundo, o problema é que están tecnificados dende o punto de vista do seu creador, non de quen quere empregalos”, explica Martín Llamas, un dos investigadores que participará no proxecto por parte da Universidade de Vigo, coordinadora e líder de RIURE.

Os repositorios funcionan como unha base de datos na que se almacenan contidos dixitais creados por profesores, editoriais, universidades, empresas… que axudan a divulgar e visibilizar á produción intelectual dos traballadores de distintas institucións. O problema, no caso dos educativos, é que ata o de agora eran empregados sobre todo por “profesores con certos coñecementos e inquietudes, de aí a necesidade de mellorar a usabilidade e ampliar así o tipo de público que os utiliza sen que teñan a necesidade de aumentar os seus coñecementos técnicos”.

Liñas de traballo

Nesta primeira reunión, os parceiros deseñarán as estratexias, establecerán as accións a desenvolver, repartirán os paquetes de traballo e, en definitiva, debuxarán o futuro dun proxecto “fundamental dende o punto de vista da Universidade de Vigo”, como salientou o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, para quen ser o líder desta iniciativa permite “non só ter información de primeira man sobre calquera avance que haxa, senón tamén exercer de socios de confianza para futuros proxectos relacionados coa xestión de contidos educativos”. “A Universidade de Vigo está establecendo cada vez máis estratexias internacionais onde todo o relativo ao soporte tecnolóxico da ensinanza é fundamental”, recalcou.

Durante os vindeiros catro anos, os investigadores traballarán para introducir aspectos pedagóxicos nestes repositorios educativos para que sexan tidos en conta tanto na catalogación como na busca, xunto cos metadatos habituais; incorporarán contidos multimedia, como vídeos, xogos ou simulacións; investigarán e desenvolverán un conxunto de métricas de relevancia e calidade e introducirán sistemas de recomendación baseados no perfil de usuario, material e contexto que sexa integrable nas principais contornas de aprendizaxe que se usan na actualidade. E, ademais, utilizaranse estruturas semánticas como forma de describir os materiais, usuarios e contextos e algoritmos máis sofisticados de busca para permitir que os repositorios educativos enlacen con outros, ampliando a cantidade de recursos de información aos que terán acceso docentes e estudantado.

Pensando en proxectos maiores

Esta rede nace cunha “importante proximidade” ao tecido empresarial europeo e iberoamericano para poder cumprir un dos obxectivos marcados: acadar novas liñas de traballo “ou negocio que nos permitan nun futuro participar en proxectos máis ambiciosos en cuestión de xestión educativa”. Unha meta que se converte en necesidade en tempos de crise nos que son “fundamentais” acadar outras achegas económicas ademais da axuda do programa CYTED (Ciencia y Tecnología para el Desarrollo).

Esa proximidade buscarase con xornadas soamente dedicadas ás empresas locais, xa que “nós somos comunidade científica e pensamos máis que nada no avance tecnolóxico, seguramente haberá moitos aspectos que un empresario considere vendible, un aspecto comercial ao que queremos sacarlle o maior proveito posible”, salientou Llamas.