DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Máster en Dirección e Xestión da Loxística e a Cadea de Subministro

50 alumnos especializaranse na diagnose de problemas loxísticos e o deseño de solucións eficientes

A segunda edición do mestrado inaugurouse este venres na ETS de Enxeñeiros Industriais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 01/10/2010

Un total de 50 alumnos e alumnas do ámbito da Enxeñaría Industrial poderán especializarse na diagnose de problemas loxísticos nas empresas e no deseño de solucións eficientesque contribúan a solventar deficiencias grazas ao Máster en Dirección e Xestión da Loxística e a Cadea de Subministro, inaugurado este venres na ETS de Enxeñeiros Industrias.

O vicerreitor de Transferencia e Coñecemento, José Antonio Vilán, foi o encargado de iniciar o acto inaugural dando a benvida ao alumnado da segunda edición do mestrado, aos que o director do centro, Luis González Piñeiro, desexou “que este posgrao sexa de moita calidade e moi proveitoso para a vosa vida profesional”.
Pola súa banda, o coordinador do máster, José Carlos Prado, amosouse moi satisfeito pola acollida que recibiu o mestrado “que xa está a consolidarse despois do éxito acadado na primeira edición, na que se matricularon máis de 50 alumnos” sinalou.

Así mesmo, o director da Universidade Corporativa CEAGA, Pedro Piñeiro incidiu na importancia da formación de profesionais “que sexan competentes no eido da loxística, unha función clave nas empresas posto que unha adecuada xestión contribúe a unha redución dos custes e a un incremento no nivel de servizo, e isto é posible grazas a un máster destas características”. Finalmente, o representante do Clúster de Madeira de Galicia, Breixo Regueira, gabou á escola “por seguir adiante con esta iniciativa” e animou ao alumnado a seguir traballando “con esforzo, constancia e motivación para recoller froitos”, lembrándolles que o sector madeireiro en Galicia “é estratéxico e está á cabeza como xerador de emprego, polo que é un campo excepcional para desenvolver a vosa vida profesional”.

Tras a apertura do acto, Jaime González López, enxeñeiro industrial e director de Gándara Censa, impartiu a conferencia inaugural titulada El papel del postgraduado en la empresa actual.

Papel “decisivo” do posgraduado na empresa

Durante a súa intervención, González López compartiu co alumnado a súa experiencia no mundo laboral facendo un repaso da súa traxectoria profesional e salientou que “o papel do posgraduado hai que recalcalo e nalgúns casos é decisivo, unha ferramenta clave de apoio profesional”. Así mesmo, o director de Gándara Censa aconsellou ao estudantado seguir adiante e non desanimarse se ao longo da súa vida laboral perdían un posto de traballo. “Que te voten dunha empresa forma parte do guión, pero non é un fracaso” afirmou González López.

Para exemplificar a importancia da xestión da loxística nas empresas, o director de Gándara Censa fixo referencia a casos prácticos e reais levados a cabo nas entidades nas que desenvolveu parte da súa carreira profesional, nos que destacou a necesidade de detectar as deficiencias “aproveitándoas como oportunidades de mellora” e elaborar principios de actuación “baseados en dous piares básicos: a formación e o fomento da participación e o traballo en equipo” sinalou.

Un mestrado con elevada demanda

Iniciar o curso coa totalidade das prazas cubertas reflicte a ampla demanda da que goza o Máster en Dirección e Xestión da Loxística e a Cadea de Subministro, que conta con 50 alumnos matriculados, “unha cifra marabillosa que se repite igual ca o ano pasado” declara o coordinador do mestrado, José Carlos Prado.

Este posgrao, de carácter profesionalizante e 60 créditos, ten como principal obxectivo formar ao alumnado para planificar, programar e controlar os recursos dun modo eficiente, así como analizar os diferentes problemas loxísticos das empresas e deseñar solucións que contribúan a solventar e incluso mellorar as deficiencias.

Dirixido a posgraduados escolas de Enxeñaría Industrial de calquera especialidade, a titulados de recente incorporación ao mercado laboral e a xerentes de empresas industriais e de servizos, o mestrado pretende formar profesionais altamente cualificados e complementar a súa formación académica mellorando a súa preparación no campo da Loxística.“Este posgrao responde á necesidade de ofrecer unha formación de calidade acorde ás demandas da contorna profesional” explica o coordinador do mestrado, que conta co apoio de empresas e institución de referencia en Galicia como o Clúster de Empresas de Automatización de Galicia (Ceaga), o Clúster de Madeira de Galicia e a Confederación de Empresarios de Pontevedra, “que supoñen un gran reforzo para este máster” conclúe Prado.