DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Red CIES, coordinada pola catedrática Ángeles Parrilla, organiza un seminario sobre diversidade es

O 6 e 7 de xuño Pontevedra será punto de encontro para os expertos en educación inclusiva

A reunión celebrarase na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e contará coa presenza de M

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 01/06/2011

Co reto de establecer unha educación para todos e todas, independentemente da orixe social, da cultura, da etnia, da relixión, da capacidade, do xénero... A Red CIES, dirixida pola Universidade de Vigo da man da catedrática de Didáctica e Organización Escolar, Ángeles Parrilla, organiza o II Seminario CIES sobre Redes Educativas en la promoción de una educación más inclusiva, que se celebrará na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o 6 e o 7 de xuño, contando coa presenza de Mel Ainscow, un dos principais investigadores internacionais neste eido.

O campus pontevedrés estase a converter nun dos principais altofalantes a nivel estatal sobre a investigación neste eido, tanto por coordinar a Red CIES, como pola experiencia piloto que Ángeles Parrilla e o seu grupo de investigación están a desenvolver en tres centros escolares do municipio de A Estrada, proxecto incluído dentro do Plan Nacional de Investigación de I+D+i. “Queremos mandar esa mensaxe de que hai que formar a un profesorado que sexa quen de responder ás necesidades de calquera alumno e os resultados xa se están vendo, pois en Galicia cada vez hai máis persoas interesadas en traballar nesta perspectiva”, aclara Parrilla.

Colaboración e internacionalización

A Red CIES, formada polos grupos de investigación das cinco universidades pioneiras en estudos sobre educación inclusiva, a Universidade de Vigo, a Universidad de Cantabria, a Universidad de VIC, a Universidad de Sevilla e a Universidad Autónoma de Madrid, tentará durante estes dous días crear un foro de debate e de colaboración “para formarnos, avanzar e aprender uns de outros, compartido coñecemento”. Ademais deseñarán un programa para lograr unha proxección internacional da rede, pois a catedrática comenta “que España é bastante pioneira na lexislación sobre educación inclusiva e en Europa temos moito que dicir sobre este tema”.

Coa finalidade de avanzar na investigación, as xornadas contarán coa presenza de Mel Ainscow, profesor de educación da University of Manchester, que ademais de colaborar coa UNESCO, é actualmente asesor do goberno inglés no Greater Manchester Challenge, “unha iniciativa de 50 millóns de libras para mellorar os resultados educativos da rexión e na que participan máis de 1000 escolas”, aclara a coordinadora.

O luns inaugurará o congreso coa conferencia O desenvolvemento de sistemas equitativos de educación: leccións dun proxecto a gran escala en Inglaterra, aberta ao público en xeral e con tradución simultánea. Tamén impartirá obradoiros de traballo interno cos membros da Red CIES “nos que afondaremos nas achegas do experto e discutiremos sobre proxectos de futuro que a propia rede poida formularse a medio prazo”.