DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns para o estudantado de máster outórganse por primeira vez

600 euros para premiar a excelencia do alumnado que inicia estudos de grao e mestrado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/09/2018

“Captar e reter os mellores estudantes, que comecen ou que continúen os seus estudos na Universidade de Vigo”. Este é, segundo a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, o obxectivo dos premios á excelencia académica para estudantes que inicien estudos de grao e mestrado na Universidade de Vigo no curso 2018-2019. En total outorgaranse 75 galardóns, 60 para estudos de grao e 15 para máster, dotados cada un con 600 euros, cos que, segundo Caparrini, se pretende “recompensar publicamente o esforzo, a dedicación, a constancia e o traballo ben feito das e dos premiados e das súas familias. Antes regalábase unha tableta, pero hoxe en día a maioría das mozas e mozos teñen dispositivos móbiles, por iso o premio é económico e eles deciden en que o usan”.

A convocatoria de Premios á Excelencia Académica para alumnado que inicia estudos de Máster estréase este curso, sumándose ás xa existentes, tanto para o estudantado de grao, como de doutoramento. En total convócanse 15 premios para o alumando de mestrado: dous para o ámbito de Arte e Humanidades e outros tantos para o de Ciencias e Ciencias da Saúde; catro para o de Enxeñaría e Arquitectura e sete no de Ciencias Sociais e Xurídicas. Dotados con 600 euros, os premios teñen por obxecto incentivar a cultura do mérito e a excelencia, a través do recoñecemento ao alumnado cos mellores resultados académicos nos estudos previos ao seu ingreso en estudos de máster que se imparten na Universidade de Vigo.

Máis premios á excelencia nos estudos de grao

No caso dos Premios á Excelencia Académica para estudantes que inicien estudos de Grao, a convocatoria deste curso introduce como novidade un incremento no número de galardóns, que pasan de 45 a 60, divididos en catro cotas, de xeito que se unha non se completa, o premio pasa a outra. Así, os premios, cun importe de 600 euros, e cos que se que pretende recoñecer o alumnado cos mellores resultados académicos nos estudos previos ao seu ingreso na universidade, ou que teñan acadado un relevante éxito nas distintas fases das Olimpíadas Científicas, quedan repartidos do seguinte xeito: 25 premios ao estudantado con excelente resultado académico no Bacharelato; 13 premios ao alumnado con premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior; 12 premios ao estudantado clasificado en postos relevantes das fases internacional, nacional ou autonómica dalgunha das Olimpíadas Científicas e 10 galardóns para o alumnado con excelente resultado académico no Ciclo Superior.

“Este curso non se oferta a Axuda para estudantes premiados nas Olimpíadas Científicas, xa que normalmente había poucos e quedaba orzamento sen executar. Agora esta cota inclúese na convocatoria de Premios á Excelencia Académica para estudantes que inicien estudos de Grao, que pasan dos 45 do curso pasado aos 60 deste ano”, destaca a vicerreitora.

O prazo de presentación de solicitudes a ambas as dúas convocatorias está aberto ata o vindeiro 17 de outubro.